Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro condena que “PSOE e BNG traten de desviar a atención do seu incumprimento do acordo con XViveiro sobre o financiamento dos gastos do Conservatorio municipal”

A voceira do PP, Mariña Gueimunde, cre que “socialistas e nacionalistas botan balóns fóra porque non teñen intención de cumprir o acordo” e, polo tanto, “están enganando aos viveirenses”

Viveiro, 3 de decembro de 2024. A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, cre que “PSOE e BNG tratan de botar balóns fóra” e “centrar o foco na Xunta de Galicia, como fan sempre, para desviar a atención da súa incapacidade para facer cumprir un dos puntos do acordo con XViveiro que permitiu á señora Loureiro e á señora Bermúdez chegar á alcaldía e á tenencia de alcaldía, respectivamente”.

Gueimunde recorda que “un dos puntos do acordo con XViveiro recollía a achega, por parte da Deputación de Lugo, do 50% dos gastos anuais de funcionamento do Conservatorio Municipal. Todo o que non sexa esixir o cumprimento deste pacto, é unha escusa para tratar de tapar a súa clara intención de non cumprir o acordo” e que, polo tanto, “enganaron e están a enganar aos viveirenses”.

O Grupo Municipal Popular defenderá no pleno deste mércores unha iniciativa para “esixir o cumprimento dun dos puntos do acordo entre PSOE e XViveiro”. Concretamente, instarán ao bipartito a esixir ao tamén goberno da Deputación de Lugo a achega de 1,65M€ ao Concello de Viveiro (a razón de 550.000€ que suporía o 50% dos gastos de cada anualidade dende o 2023 ao 2025) para sufragar os gasto do Conservatorio Municipal, “tal e como recollía o seu acordo”.

Gueimunde explica que “no pleno deste mércores poderemos comprobar se teñen ou non intención de cumprir o acordo que levou ao goberno tanto ao PSOE como ao BNG”. Así mesmo, considera que “os acordos están para cumprilos”.

O PP viveirense pon en valor o Conservatorio Profesional -un servizo municipal ofrecido por persoal municipal- como “epicentro da música en Viveiro e berce de músicos e profesionais da comarca da Mariña e Ortegal” e subliña que “é de agradecer a súa disposición e colaboración con actos, festas e efemérides de Viveiro”.

Exit mobile version