Os populares cren que “o II Foro Económico Concello de Viveiro evidenciou a forma ideolóxica que ten o BNG de gobernar, a falta de traballo en materia económica e industrial e a separación entre ambas partes do goberno local”
Viveiro, 17 de decembro de 2024. O PP de Viveiro condena o “uso partidista” dun evento organizado polo Concello como é o II Foro Económico Concello de Viveiro e bota en falta “propostas por parte do goberno local que debería traballar todo o ano para potenciar o asentamento empresarial en Viveiro”, segundo manifesta o viceportavoz, Martín Vale.
Con este foro organizado pola tenencia de alcaldía do BNG “quedou clara a forma de gobernar e xestionar do BNG: claramente marcada pola súa ideoloxía, en lugar de traballar para defender e representar a tódolos veciños e veciñas respectando as tradicións e as normas”.
“En lugar de convidar poñentes dun amplo espectro que favorezan o contraste de ideas e pensamentos, elixiron tres -dos que non poñemos en dúbida o seu currículo- aliñados con vertentes críticas cos gobernos de Partido Popular”, explican os populares. Así mesmo, indican que “quitaron a bandeira de España do salón de plenos cando a propia Constitución regula o seu uso e colocación” e, por se fora pouco, “as redes institucionais do Concello recollen unha publicación sobre o foro con logo do BNG”.
Martín Vale cre que “este foro debería servir para que os empresarios viveirenses puxeran en común as súas demandas e necesidades, ademais de recoller conclusións e propostas” e bota en falta “un proxecto económico e industrial do que agora mesmo non dispón Viveiro”. É máis, “o goberno municipal bipartito non puxo sobre a mesa propostas como bonificacións a industrias ou axilización na tramitación de licenzas nin tampouco falou de crear un centro de formación e información, viveiro de empresas ou outro tipo de instrumento para potenciar o desenvolvemento empresarial”.
Ademais, afea que “lamentablemente a tenencia da alcaldía, do BNG, organizase o evento ás presas e correndo” como demostra o feito de enviar as invitacións con tan só unha semana de antelación. Deste xeito, “dificultouse a participación do empresariado viveirenses, que foi anecdótica e lonxe do que cabería esperar, en datas con numerosos compromisos sociais”.
O popular asegura que “este II Foro Económico Concello de Viveiro evidenciou que o goberno local está integrado por dous entes independentes: por un lado, o BNG, organizador do foro, e, por outro, o PSOE, sen ningún protagonismo neste acto”. Iso, a pesar de que -segundo lembra Gueimunde- “a celebración deste foro económico era un dos puntos do acordo programático entre o PSOE e XViveiro para facer alcaldesa á señora Loureiro”.
O PP de Viveiro agarda que “todos tomemos nota e se corrixan estas actitudes sectarias que en nada benefician ao conxunto da sociedade de Viveiro e que, polo contrario, tratemos de ser máis plurais e aglutinadores das diferentes sensibilidades co obxectivo común de poñer a Viveiro no sitio que merece”; xa que “é un lugar ideal, con estrutura turística, para acoller tamén eventos ou congresos”.
RECOÑECEMENTO A ELECTROMECÁNICOS VIVEIRO
O Grupo Municipal Popular quere poñer en valor a figura de Don Francisco López Santos, viveirense afincado en Madrid que arrancou este proxecto de Electromecánicos Viveiro sendo alcalde Don César Aja Mariño. Nese sentido, os concelleiros do PP lamentan que “o seu recoñecemento no II Foro Económico Concello de Viveiro se mantivera en segredo ata o momento da entrega. Se se coñecera previamente, como é o proceder habitual con outros galardóns, favoreceríase a participación de todas as persoas que desexaran mostrar o seu recoñecemento ao galardoado”.