Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Trabada condena as formas do alcalde: “En cada pleno reitera as faltas de respecto aos nosos concelleiros así como néganos o dereito á información ao non responder a nada”

José María Fernández afirma que Trabada “merece un alcalde á altura do municipio e dos seus veciños, preocupado por solucionar os problemas que todos temos e non por atacar ao PP e aos seus lexítimo representantes”

Trabada, 2 de decembro de 2024. Os concelleiros do PP de Trabada critican “as malas formas” do alcalde que, pleno tras pleno, “limita os nosos dereitos como concelleiros, negándonos o uso da palabra, non respondendo ao que se lle pregunta e empregando as quendas de palabra para atacarnos en lugar de para facilitar a información que se lle solicita”.

O voceiro municipal, José María Fernández, esixe ao rexedor “un cambio de rumbo” xa que “está a menoscabar os nosos dereitos como representantes públicos” e “do mesmo xeito que di que nós temos que cumprir as normas que rexen os plenos, el tamén o ten que cumprir”.

Neste senso, José María Fernández recomenda ao alcalde que “comece a ter responsabilidade no cargo e comece a responder ao que se lle pregunta en lugar de empregar esas quendas para atacar ao Grupo Municipal do PP e a min persoalmente”. “Basta xa de faltas de respecto”, sentenciou.

“As normas que rexen o pleno son as mesmas para todos e está totalmente fóra de lugar que o alcalde faga o que lle dea a gana coas quendas de palabra e que, cando nós temos o uso da palabra ameace con cortarnos o micrófono senón nos rexemos polas normas que a el lle interesan nese momento”, afirmou.

Exit mobile version