Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela valora moi positivamente o seu crecemento no último ciclo electoral e afonda en novas liñas de actuación para posicionarse como “clara alternativa” de goberno

O portavoz, Manuel Rouco, aposta “clara e directamente por contribuír ao desenvolvemento das empresas e negocios locais, incrementar o apoio ás familias, xestionar o día a día da veciñanza e incrementar o investimento real para a mellora de bens e servizos municipais”

Burela, 18 de decembro de 2024. A presidenta, Elena Candia, e o secretario xeral do PP da provincia de Lugo, Javier Vázquez Nodal, participaron nunha reunión de traballo co PP de Burela que se enmarca dentro da programación de reunións coas agrupacións locais co obxectivo de reforzar a estrutura do partido e potenciar o contacto cos distintos grupos de traballo polos concellos da provincia.

Os populares aproveitaron para analizar o crecemento e consolidación do PP local no último ciclo electoral, así coma o seu enorme crecemento nas redes sociais que posibilita que a información sobre o proxecto do Partido Popular de Burela chegue cada vez a máis veciños e veciñas e, especialmente, á xente moza.

Tamén fixeron balance do que vai de mandato en Burela, analizaron a actualidade municipal e afondaron en novas liñas de actuación coas que favorecer o desenvolvemento de Burela e posicionarse como clara alternativa ao actual bipartito.

O portavoz, Manuel Rouco, cre que “o goberno PSOE-BNG que preside a señora López Moreno suspende en transparencia (o Portal de Transparencia segue sen estar actualizado e tampouco facilitan a documentación en tempo e forma). Ademais, di que “se caracteriza pola actitude ditatorial da rexedora (que prohibe falar aos concelleiros por alusión durante o pleno a pesar de que teñen dereito a réplica) e as continuas irregularidades e ilegalidades que se evidencian, claramente, coa repetición de plenos para rectificar procedementos e destaca por non acometer ningún proxecto de calado para a vila”. De feito, baixaron os investimentos reais no último ano; toda vez que “Burela xa estaba á cola da Mariña en investimento de diñeiro público en licitación de obras e servizos”.

Fronte a este bipartito, o Partido Popular de Burela traballa nun proxecto que “aposta clara e directamente por contribuír ao desenvolvemento das empresas e negocios locais”, incrementar os apoios ás familias para favorecer o asentamento da poboación, incentivar o asociacionismo e apoiar as súas actividades (por exemplo, revisando as bases das axudas municipais para simplificar a súa tramitación) para dinamizar a vida social da vila e xestionar debidamente o Concello para garantir a prestación de servizos e a atención do día a día dos veciños e “captar axudas que permitan incrementar o investimento real en bens e servizos para o municipio que redunden na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Burela”.

Exit mobile version