Os populares explican que “o señor Ramiro Fernández asegurou que se reunira de forma individual con tódolos hostaleiros de Burela para abordar o uso do contedor marrón, pero tras consultar con varios de diversas zonas constatamos que non se reunira con todos”
Burela, 5 de decembro de 2024. “O goberno bipartito de Burela que encabeza a señora López Moreno é incapaz de cumprir o que se aproba en pleno”, segundo aseguran dende o Grupo Municipal do PP.
Os concelleiros populares explican que “no último pleno se aprobaron dúas iniciativas para pedir ao goberno local maior difusión e publicidade da emisión dos plenos municipais e un uso máis ético das canles de comunicación do Concello para evitar bulos, mentiras e desinformación”.
Pero, desafortunadamente, “o Grupo Municipal Popular non se equivocou nas súas previsións: xa aventurabamos que o bipartito sería incapaz de cumprir”. De feito, no mesmo pleno, aos minutos de aprobarse esta iniciativa, “o segundo tenente de alcaldesa, Ramiro Fernández, respondía a unha pregunta asegurando que se reunira con tódolos hostaleiros de forma individual para abordar o uso do contedor marrón; pero non é certo”.
“Non se reuniu co concelleiro que se dedica ao sector e, consultadas varios hostaleiros da vila de diversas zonas, ratificaron que tampouco se reuniu con eles” polo que o señor Fernández Rey puido reunirse cunha parte dos hostaleiros, pero non con todos de forma individual”, expoñen. Polo tanto, “está desinformando, mentindo ou como lle queira chamar; ademais de incumprir o acordado”.
A propia señora López Moreno en relación ás multas que se puxeron nas inmediacións do centro de saúde de Atención Primaria “dixo que non lle constaba que houbera ningunha posta nos últimos tempos ou neste mandato, pero é falso. Algún dos afectados xa lle trasladaron esta situación á alcaldesa, que sabe perfectamente que se puxeron multas na zona do centro de saúde de Atención Primaria pola falta de aparcamento que permita achegarse comodamente ás persoas con mobilidade reducida”.
Os populares subliñan que “se demostra unha vez máis que o Grupo Municipal Popular ten razón, que non se equivoca e que o bipartito é incapaz de cumprir o que se aproba en Pleno”.