Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de A Mariña afea a Planas que se atreva “a sacar peito en Burela da negociación de Bruxelas cando este porto é un dos máis prexudicados polo acordo da cota da pescada de Gran Sol co Reino Unido”

Burela e Celeiro serán os peiraos que máis acusen esta rebaixa, pois os beneficios da súas lonxas supoñen o 47 e o 39% das descargas e primeiras vendas desta especie en Galicia

A Mariña, 13 de decembro de 2024. O Partido Popular de A Mariña afea ao ministro de Pesca, Luis Planas, que, no día de onte, se atrevese en Burela “a sacar peito” das negociación de Bruxelas, cando este porto, xunto co de Celeiro, son os que sofrirán as consecuencias do acordo da Comisión Europea co Reino Unido, e que inclúe un recorte do 20% nas capturas da pescada DO GRAN SOL.

Deste xeito, os populares consideran que “con este dirixente estatal o sector marítimo-pesqueiro está vendido e desprotexido”. Sobre todo, engaden, porque “dicir que o 10% da cota desta especie non consumida en 2024 se poida pasar a 2025 para paliar o recorte é algo que sempre se fixo, ao seren cupos dos armadores. Este argumento é un despropósito e plasma que o fume non casa ben cos ventos mariños, posto que rapidamente os leva”, insisten.

NON SOUBO NEGOCIAR

Para o PP mariñao demostrase que “Planas non soubo negociar”. “Non melloramos gran cousa”, afirman con rotundidade, xa que esta restrición implica unha perda de ingresos para a economía galega de 54 millóns de euros.

Este impacto será soportado basicamente pola frota do Gran Sol, polo que as perdas que situaranse en valores próximos aos 22 millóns de euros. Burela e Celeiro serán así, de novo, os peiraos máis afectados en canto a esta rebaixa de ingresos das súas lonxas, ao xerar estas un beneficio que supoñen o 47% e o 39% das descargas e primeiras vendas desta especie en Galicia. Co efecto arrastre, boa parte da perda potencial de 54M€ da economía galega terán impacto na Mariña.

Os efectos desta proposta de rebaixa de TAC Terán tamén consecuencias negativas sobre o emprego, Isto suporá que o recorte medio de salario por tripulante inducido (máis de 2.000 en toda Galicia) por esta proposta superaría os 4.800 euros.

Por todo elo, dende o Partido Popular critican “o triunfalismo” do ministro socialista, pois “o seu Goberno dálle unha vez máis as costas á xente do mar de Galicia e, nomeadamente, coa provincia de Lugo”.

Exit mobile version