O portavoz, Antonio Ameijide, pídelle que “vele pola seguridade dos lucenses, garanta a continuidade dos GES en activo, traballe por recuperar o funcionamento dos que están pechados e estude a posibilidade de incrementar os efectivos e os recursos”
“A situación do mapa de emerxencias da provincia de Lugo está marcado pola desactivación dun 25% dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES). Dos 8 da provincia non están en funcionamento 2 pertencentes á zona da Montaña, cos problemas que supón para a comarca nesta materia”, expón.
A isto hai que engadir “a situación deficiente dos 6 parques comarcais de bombeiros na provincia de Lugo: tanto polo estado das instalacións ou vehículos como polas condicións laborais do persoal que, nalgunhas ocasións, é insuficiente para garantir a súa propia seguridade e manter os parques en funcionamento”.
Por poñer un exemplo, Antonio Ameijide explica que “na Mariña, por desgraza, son habituais as noticias sobre o peche dos parques comarcais -Barreiros e Viveiro-”. Neste contexto, o GES de Cervo asume máis carga de traballo e, incluso competencias que non lle son propias nesta materia na Mariña Occidental e ata na Mariña Oriental, a pesar de non corresponderse coa súa área de actuación. De feito, nos últimos catro anos incrementou nun 50% o seu número de intervencións.
Pero, “a situación é cada vez peor”. Recentemente facíase público que o GES de Cervo estivo inactivo nalgunhas xornadas por non dispoñer de suficiente persoal debido ás dificultades para cubrir co mínimo de 3 efectivos –para dar cumprimento á lei- cada quenda de 24 horas cando se dan situacións de baixas e vacacións do persoal. Incluso, algunhas destas xornadas coincidiron co peche dalgún ou, incluso, dos dous parques comarcais de bombeiros”, expón o popular.
De feito, “está en risco a perda deste terceiro GES na provincia sen que o goberno provincial de PSOE e BNG responda formalmente ás comunicacións da alcaldesa nin escoita o acordo adoptado o día 4 de decembro polo Pleno do Concello de Cervo para pedir o apoio da Deputación de Lugo, atendendo ás súas competencias e responsabilidades, para facer posible a súa renovación”.
Á vista de que quedan apenas semanas para a entrada en vigor dun novo convenio sobre os GES -xa que o actual expira o 31 de decembro-, o portavoz popular subliña que “é o momento de que a Deputación Provincial de Lugo reaccione e tome medidas para garantir a protección dos lucenses en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais.
Ameijide indica que, “se o goberno provincial non atende á alcaldesa, o presidente da Deputación terá que render contas e dar explicacións ante o pleno provincial o 27 de decembro. Terá que explicar como pode ser que 3 de 8 GES provinciais non teñan actividade”.
COMPETENCIAS
Tanto o artigo 36.1.c) da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local como os artigos 10, 26.d) e 27 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de Emerxencias de Galicia -aprobada polo bipartito PSOE-BNG no Goberno da Xunta-, confírenlle responsabilidades ás deputacións provinciais en materia de emerxencias. “E o propio goberno provincial recoñece as súas competencias no convenio asinado para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais”, engade o popular.
Así, é competencia propia da Deputación Provincial a prestación, fomento ou coordinación do servizo de prevención e extinción de incendios en concellos de menos de 20.000 habitantes, que na provincia de Lugo son todos menos a capital.
FINANCIAMENTO
Ameijide subliña que “a pesar de non ser da súa competencia, a Xunta de Galicia achega o 52,5% dos gastos de funcionamento dos GES da provincia fronte ao 40% que aporta a Deputación de Lugo e o 7,5% restante que lles corresponde aos Concellos”. Ademais, é o Goberno autonómico o que dota de material a estes Grupos de Emerxencia Supramunicipal cando noutras provincias son as Deputacións as que asumen o equipamento dos GES.