Elena Candia recorda que “non é a primeira vez” que o presidente da Deputación “emprega este tipo de actitudes cando se sinte acurralado”, o que evidencia é o seu nerviosismo e inseguridade e que “o Partido Popular está no bo camiño e é a única opción para que a provincia de Lugo volva á senda do crecemento”
Elena Candia fai esta reflexión tras ver “os ataques persoais” que Tomé realizou contra o voceiro do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, e recorda como “cando carece de argumentos e dende o Partido Popular desmontamos as súas mentiras con argumentos, datos e feitos, recorre a este tipo de actitudes, como fixo no seu momento contra min, o único que amosa é o seu nerviosismo e inseguridade”.
Dende o PP de Lugo afirman que “se isto é o único que pode aportar Tomé á provincia é un síntoma de que estamos ante un político débil e esgotado” que “ante o nerviosismo que lle provoca carecer de argumentos recorre ao ataque persoal e ao insulto”.
“Isto é un indicativo de que o Partido Popular está no bo camiño e está a realizar un bo traballo de escoita activa e diaria dos veciños da provincia e buscando solucións aos problemas plantexados, ante un goberno esgotado e carente de argumentos para que a provincia volva á senda do crecemento”.
PLAN DE MELLORA DAS ESTRADAS PROVINCIAIS
Dende o PP de Lugo recordan que “non inventamos nada, xa que todos os datos nos que nos baseamos están extraídos da pouca documentación oficial que facilita o goberno de PSOE e BNG que, entre outras cousas, caracterízase por ser pouco transparente”.
“Por moito que o presidente da Deputación repita que o plan de mellora de estradas son 27M€ non vai a ser unha realidade, basta con ver as 80 actuacións que anunciou e que o importe de cada unha que suman un total de 13M€, non hai máis”, sinalan.
Neste senso, dende o PP de Lugo recordan como “hai unhas semanas pedimos un aumento do investimento en estradas, chegando ata os 20M€, propoñendo de onde quitar os cartos, dos convenios que dan a dedo aos seus amigos”.
A realidade é que en 66 dos 67 municipios da provincia o mal estado de mantemento das estradas da Deputación é a principal reivindicación dos veciños, “agás no concello que goberna Tomé, demostrando así a súa total insolidariedade”.
Tamén recordan que “a memoria de Tomé é corta e selectiva” xa que ao pleno de outubro “o Grupo Provincial Popular levou unha moción con máis de 50 propostas para incorporar aos orzamentos do vindeiro ano” froito do traballo realizado nas xuntanzas cos alcaldes e voceiros do PP nos 67 municipios da provincia, “que son as persoas que están en contacto directo e diario cos veciños e, por tanto, os que mellor coñecen as necesidades de cada localidade”.
Unha batería de propostas que PSOE e BNG se negaron a ter en conta “e que rexeitaron no pleno”.