Burela, 17 de decembro, 2024. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela organizou este martes 17 de decembro na Casa de Galicia en Madrid un acto de presentación para poñer en valor a importancia do sector pesqueiro de Burela e, baixo o seu coñecido slogan “Amor ao Mar”, amosar algunhas das súas campañas de promoción máis recentes.
No acto estiveron presentes representantes políticos e de diferentes administracións, do sector pesqueiro nacional, xornalistas e creadores de contido relacionados co mundo gastronómico.
O director da Casa de Galicia, Luis Ramos, deu a benvida aos asistentes e deu paso á presentación do Porto de Burela, que correu a cargo de Sergio López, xerente da OPP Burela.
Na súa intervención, debuxou un mapa coa importancia histórica e actual do porto de Burela dentro do sector pesqueiro, resaltando o peso da pesca dentro da economía local. Presentou as diferentes frotas que forman a organización de produtores de Burela e repasou as principais accións e campañas de promoción que levaron a cabo nos últimos anos desde a OPP.
Pezas que destacan a orixe do produto, a súa calidade gastronómica, as súas calidades saudables e a sustentabilidade das súas artes de pesca. Creacións dirixidas aos diferentes públicos, desde a divulgación entre os nenos, a concienciación sobre hábitos alimentarios nos pais ou o fomento do consumo de peixe entre o segmento senior, chegando especialmente aos principais mercados de España.
A continuación, presentouse un avance do documental “Valor da Pesca en Burela”, que pon en valor o oficio pesqueiro e recolle testemuños de mariñeiros de diferentes orixes e con experiencia en diferentes caladoiros. Un sector que xerou riqueza económica durante décadas, cun impacto principal no desenvolvemento socioeconómico de Burela durante moitas xeracións.
O director xeral de pesca, acuicultura e innovación tecnolóxica da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, pechou o acto enxalzando a figura de Burela como exemplo da aposta decidida pola pesca como forma de vida, e felicitando á OPP e ABSA pola unión que demostran involucrando a xentes de tódalas idades e procedencias neste proxecto no que todos suman. Por iso, Burela ten moito futuro na pesca. “Sempre se dixo que Madrid é o primeiro porto de España, e como tal necesita un produto de calidade como os da pesca de Burela”.
Ademais este acto en Madrid serviu como presentación oficial do novo calendario da OPP Burela, que en 2025 volve apostar polos seus “Pescados Capitales”, presentando cada mes una das principais especies que representan ás súas diferentes frotas.
A presentación pechouse cunha degustación gastronómica “Peixe de Burela” con algunhas das principais especies pesqueiras das frotas de Burela: tres de pescada de pincho, una de bonito do norte e una de peixe espada. A elaboración das receitas correu a cargo do galego Miguel Vidal, chef do restaurante Morgana en Madrid.
Esta acción está cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, incluída no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.