As bases do Plan Deputación 2025 publicaranse no BOP o vindeiro 7 de xaneiro, pasadas as datas de Nadal, o que facilita tamén que as entidades locais teñan máis tempo para elaborar as memorias e proxectos das obras que queiran presentar con cargo a estes investimentos
Lugo, 27 de decembro de 2024. O Goberno provincial aprobou no Pleno ordinario celebrado este venres as bases do Plan Deputación de Lugo de Cooperación cos Concellos 2025 que decidiu subir ata os 22M€, seguindo criterios públicos e obxectivos –como son a superficie, a poboación, o índice de envellecemento e a dispersión territorial-, e cun respecto total á autonomía municipal. O programa de investimentos saíu adiante grazas aos votos a favor de PSdeG e BNG, e a abstención do Partido Popular.
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, valorou positivamente este acordo que lle permitirá aos 67 concellos da provincia desenvolver actuacións en materia de infraestruturas, creación de emprego, Servizo de Axuda no Fogar, actividades, eventos, administración electrónica ou protección civil. O Plan Deputación, detallou, dálle aos concellos “total autonomía para decidir en que queren investir, chegándolles unha cantidade que se destina seguindo criterios obxectivos, cuestión que non fan outros Gobernos”, subliñou o mandatario provincial.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, defendeu que esta maneira de traballar “responde a unha maneira de gobernar, de entender a acción política dende as institucións, cunha forma de entender a xestión do público, do de todos, para que chegue a todos os municipios e veciños e veciñas da provincia”. “Nós practicamos a política de feitos, cun reparto en base á transparencia e obxectividade”, aclarou García Porto no debate. Ademais, concretou que será cada concello o que priorice e decida, en función das súas necesidades como e onde quere investir os fondos que lle achega a Deputación.
Así mesmo, o mandatario provincial detallou que esta medida “forma parte do noso compromiso de máxima cooperación cos concellos. Cada ano incorporamos melloras, sempre pensadas para facilitarlles a planificación e a xestión dos investimentos, e para que estes fondos sirvan da mellor maneira posible para atender as necesidades dos seus veciños e veciñas”, subliña.
Plan Deputación 2025
García Porto lembrou que por quinto ano consecutivo, o Executivo provincial saca adiante o plan no exercicio anterior ao seu período de vixencia, o que permite ás entidades locais planificar as accións municipais con maior antelación e traballar con máis previsión e tempo, de forma que poden aproveitar mellor os fondos. Por exemplo, as obras públicas poderanse executar na primavera-verán, o período do ano máis axeitado para traballar en exteriores dadas as características climáticas da provincia.
Así mesmo, as bases do Plan Deputación publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o día 7 de xaneiro, pasadas as datas de Nadal, o que tamén permite aos concellos ter máis tempo para elaborar as memorias e proxectos das obras que queiran presentar con cargo a estes investimentos. Terán un mes, ata o 7 de febreiro, para presentar a documentación.
A distribución dos fondos por concello