A alcaldesa insiste en salientar o traballo dos efectivos do GES e na súa vontade de continuar con este servizo, pero alerta que se está a dar unha “falsa sensación seguridade” cando non se poden atender as emerxencias pola falta de persoal
A alcaldesa, Dolores García Caramés, lamentou durante o último pleno municipal celebrado onte que ata o de agora só teña recibido o “portazo” da Deputación ante as reiteradas demandas trasladadas desde o Concello para que buscase unha solución que permitise garantir a operatividade dos GES en condicións de efectividade e seguridade.
“Vimos de coñecer, pola prensa, pois nin se dignaron a enviar unha resposta oficial, a negativa da Deputación de Lugo a asumir as súas competencias e apoiar a contratación de novos efectivos. Todo o mundo sabe, especialmente os propios responsables do Goberno provincial, que a xestión das emerxencias é unha competencia da Deputación, máis alá de que os concellos poidan xestionar os GES ou financiar o seu custo co apoio de diferentes administracións, entre os que están a Xunta e a Fegamp. Creo que desde San Marcos deberan preocuparse menos por xerar polémica e confusión, e máis por cumprir as súas competencias”.
De feito, tanto o convenio vixente como a Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia, aprobada no mandato do Goberno autonómico bipartito, establece “sen lugar a dúbidas” que son as deputacións provinciais as administracións competentes na prestación do servizo de protección civil e xestión de emerxencias en concellos de menos de 20.000 habitantes.
No ano 2007, data na que se aprobou a Lei de Emerxencias vixente, o presidente da Xunta era o socialista Emilio Pérez Touriño quen gobernaba en colación co BNG. Son as mesmas formacións políticas que teñen hoxe a responsabilidade de goberno na Deputación. “Non quero pensar que socialistas e nacionalistas queren ser hoxe insubmisos ás leis que eles mesmos aprobaron”
Falsa sensación de seguridade.
O GES de Cervo leva meses soportando unha maior carga de traballo como consecuencia das situacións máis que frecuentes de falta de operatividade dos parques de bombeiros de Barreiros e Viveiro, e ademais, vese na obriga de atender incidencias que se producen fóra do seu termo municipal e incluso do seu ámbito de actuación, que debera ser a comarca da Mariña occidental.
A alcaldesa insiste en poñer en valor o traballo dos efectivos do GES e reafirma a súa vontade de manter ese servizo pero esixe a implicación da administración competente no ámbito das emerxencias. García Caramés explica que neste momento se está a dar unha “falsa sensación de seguridade á cidadanía” facendo crer que hai servizos de emerxencias operativos cando a realidade é que en moitas ocasións non poden atender incidencias pola falta de persoal, “sen que a Deputación teña vontade por asumir a súa responsabilidade nesta situación.”