O Secretario Xeral dos socialistas na provincia e Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a Deputada no Congreso dos Deputados por Lugo, Patricia Otero, entran no Comité Federal; e o Senador por Lugo, César Mogo Zaro, formará parte da nova Executiva Federal do PSOE como Secretario do PSOE Exterior
José Tomé expresou a súa satisfacción porque os lucenses entren a formar parte da primeira liña da dirección do partido, a onde trasladarán “as necesidades e propostas para seguir avanzando no desenvolvemento das potencialidades da nosa provincia, achegar e mellorar os servizos públicos aos veciños e veciñas, crear emprego, impulsar o rural e fixar poboación”.
O Presidente da Deputación fixo unha valoración moi positiva do proceso congresual no que Pedro Sánchez renovou a Secretaría Xeral, unha cita na que “o partido demostrou fortaleza e unidade en torno ao proxecto liderado polo Presidente do Goberno”. “Para nós é unha moi boa noticia que deste Congreso se conseguira o compromiso de afrontar o financiamento local, que para nós é moi importante”, afirmou. Así mesmo, nese sentido, puxo de manifesto a moi activa participación que está tendo a delegación lucense neste proceso congresual.