A publicación recolle artigos sobre Altri, a problemática da turistificación ou os freos cautelares do TSXG á vaga eólica
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2024. A organización ecoloxista ADEGA publica o número 92 da Revista Cerna, a maior publicación sobre o medio ambiente e a ecoloxía de Galiza. Nesta ocasión, aborda diferentes ameazas ambientais, como o proxecto de macrocelulosa de Altri, a turistificación, a vaga eólica ou as especies exóticas invasoras para a biodiversidade, mais tamén dá acubillo á educación ambiental, a unha ollada histórica do ecoloxismo galego ou aos retos e novas reflexións que poderían marcar o futuro do movemento.
Esta publicación, a segunda e última do ano 2024, abre, como non podería ser doutro xeito, cos impactos do proxecto de macrocelulosa de Altri e Greenalia en Palas de Rei, en concreto, sobre o río Ulla e a ría de Arousa. Faino cunha entrevista ao xeógrafo Horacio García, coautor do informe do Consello da Cultura Galega sobre Greenfiber; e da man da doutora en hidroloxía Ana F. Santamariña, que debullan as deficiencias do estudo hidrolóxico do chamado Proxecto Gama.
Ollada ao pasado para coller con forza o futuro
Ás portas do 50 aniversario de ADEGA, este número da Cerna tamén quixo botar a vista atrás para coller folgos cara ao futuro. A historiadora Aloia Insua repasa os inicios de ADEGA e a orixe do ecoloxismo galego nun texto no que pon en valor o traballo de tanta xente en defensa do medio ambiente ao longo da historia de Galiza. Pregúntase “como sería a nosa vida se todas aquelas persoas que se mobilizaron non o tivesen feito; como serían o noso aire, a nosa auga, os nosos ríos, as nosas praias; como seriamos nós”.
“Percorrer de cabo a cabo a nosa rede radicular, repasar cada liña aberta na terra, airear, enraizar con máis forza e medrar de novo” é a intención doutro dos artigos -asinado pola Federación Ecoloxista Galega- recollidos na Cerna. Nel exponse un dos retos que o ecoloxismo clásico ten por diante: premer na tecla que permita conectar coas novas xeracións. Así pois, este número mira o presente e o futuro do movemento, tamén a través dun texto que aborda a reactivación do traballo de ADEGA na Coruña cunha delegación renovada, e doutro que procura abrir o camiño da ecoloxía queer en Galiza, co biólogo e antropólogo Alexandre Garrido á escrita.
O fascinante mundo das formigas
Cerna adéntrase logo, acompañada do investigador Iago Sanmartín, no fascinante mundo das formigas, para descubrir como gran parte dos fitos humanos que nos poden vir á cabeza foron acadados milleiros de anos antes por estes pequenos bechos. Viaxa tamén ata as paraxes naturais de Santo Estevo do Ermo (en Barreiros, Lugo) e ata diversos monumentos naturais que se atopan ameazados por especies exóticas invasoras. Analiza, máis adiante, o papel do patrimonio arqueolóxico na prevención dos incendios forestais, a través dun estudo da Universidade de Vigo e do CINTECX.
As paralizacións cautelares de numerosos proxectos eólicos por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza centran o seguinte artigo, asinado polo profesor de Dereito Administrativo da USC, Fernando de Abel. Esta Cerna tamén deixa espazo para unha análise acougada da problemática da turistificación sufrida nas comarcas de Vigo e O Morrazo e das respostas que poden darse desde o ecoloxismo. O fracaso de SOGAMA no eido dos residuos, por unha banda, e os perigos de contaminación do uso de antibióticos en animais, pola outra, completan este número.
E Cerna non sería Cerna sen as súas seccións habituais, que veñen cargadas de interesantes recursos e achegas para unha diversa educación ambiental. Xa poden consultarse todos os artigos a través da páxina web da Revista Cerna ou na plataforma ISSU.