O ministro comparte co sector en Burela os bos resultados conseguidos tras a negociación das cotas de pesca no Atlántico para 2025, en especies de alto valor comercial
Burela, 12 de decembro de 2024. O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, destacou hoxe o papel das confrarías de pescadores como modelo de economía social, que traballa pola sustentabilidade e rendibilidade da pesca e polo desenvolvemento local. Tamén destacou o seu labor pola igualdade de oportunidades entre home e mulleres.
Luis Planas presidiu os actos de conmemoración do centenario da confraría de pescadores San Juan Bautista de Burela e personalizou no seu presidente, Basilio Otero, a felicitación polos seus 100 anos de boa xestión e de compromiso co sector e co territorio. Esta confraría, con máis de 300 socios, conta cunha frota de 82 barcos que faenan no Cantábrico e o Atlántico.
O ministro subliñou os esforzos realizados pola modernización no tratamento e presentación dos produtos pesqueiros a través da Organización de Produtores da Pesca e para fomentar o seu consumo.
Destacou que en Burela hai actualmente censadas persoas de 42 nacionalidades ás que a actividade pesqueira ofrece emprego e un proxecto de vida. Entre os actos de celebración, o ministro presenciou o ronqueo de atún de Balfegó, tradicional proceso de despezamento deste peixe, e visitou unha colección de murais inclusivos.
Na súa visita a Burela, Planas puxo en valor os acordos alcanzados polo Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea celebrado esta semana en Bruxelas, tras unhas difíciles negociacións, sobre as posibilidades de pesca da frota para 2025 no Atlántico e o Mediterráneo. Para o Atlántico, en concreto, Planas destacou os bos resultados conseguidos en especies de gran interese nos mercados e de alto valor comercial que permitirán a estabilidade da actividade pesqueira.
Así, aludiu ao “progreso evidente” conseguido no xurelo, que ha quintuplicado a súa cota, ao incremento das do rape e galo, e ao mantemento das de pescada sur, o lagostino e do ollomol nas augas compartidas con Reino Unido.
O porto de Burela é o segundo maior de Galicia, despois do de Vigo, cunha frota de 78 buques. A súa lonxa é unha das máis relevantes de España, a terceira en valor a nivel nacional, coa venda de especies de alto valor, principalmente pescada e bonito, aínda que tamén é relevante a venda de xarda.