Será o 14 de decembro, sábado, ás 11:00 na Sala Multiusos do Concello de Viveiro, e contará coa participación de expertos de recoñecido prestixio.
Míriam Bermúdez destaca que o evento ofrece “unha oportunidade única para coñecer en profundidade a evolución económica de Viveiro e A Mariña, explorar novas estratexias de crecemento e fortalecer redes de colaboración na comarca”.
A tenenta de alcaldesa e a concelleira de Promoción Economica, Iria Cotelo, animan á asistencia dunha programación que anuncia sorpresas na exposición das ponencias. “Os ponentes deste ano son unha mostra do alto nivel deste foro. As súas intervencións permitirán aos asistentes entender mellor o contexto económico de Viveiro e, sobre todo, inspirarse para construír un futuro con máis oportunidades”, asegura Cotelo
Entre os ponentes atopamos a Xoan Carmona Badía, Francisco Xavier Martínez Cobas e Antón Losada Trabada. Ao remate do evento, a concellería entregará o recoñecemento empresarial do ano.
Xoan Carmona Badía é catedrático emérito de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e experto en historia industrial. A súa conferencia, “Do pasado ao presente: historia da transformación económica de Viveiro e A Mariña”, analizará os fitos históricos que marcaron o desenvolvemento económico do concello e a comarca.
Francisco Xavier Martínez Cobas é profesor titular de Economía financeira e contabilidade na Universidade de Vigo (UVigo) e investigador en pequena e mediana empresa, cooperación transfronteiriza e capital intelectual. A súa intervención, “Presente: radiografía económica actual de Viveiro e A Mariña”, ofrecerá unha análise da situación económica real do contexto actual de Viveiro.
Antón Losada Trabada é profesor titular de Ciencia Política da USC e investigador principal no CISPAC da USC. Será o presentador do foro e o moderador da mesa redonda “O futuro da economía e a industria en Viveiro e A Mariña: desafíos e estratexias”. O tamén comentarista e analista asegurará unha discusión enriquecedora cos ponentes e coa interacción do público, con achegas clave para o crecemento do concello da comarca.
Inscrición e participación, a través do correo iriacotelo@viveiro.es ou de Whatsapp no número 604 04 63 97. Será necesario indicar nome, apelidos, empresa (se procede) e correo electrónico.