Os populares explican que “o estado do firme en torno ao p.k.60 no límite entre Meira e A Pastoriza é realmente deficiente”
Actualmente, o pavimento desta estrada no tramo en torno ao p.k. 60 no límite entre os municipios de Meira e A Pastoriza atópase moi deteriorado. “O seu estado é realmente deficiente”, subliñan os populares, “como poden comprobar os seus usuarios”. É por iso polo que piden unha mellora para garantir a seguridade na vía.
Os senadores do PP inciden en que “Sánchez desconecta a provincia en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias”. De feito, lembran que “sen as variantes de Os Peares-Canabal e Rubián, Lugo non disporá de AVE”, que a A-6 continúa sen recuperar a normalidade e que as estradas nacionais, como a N-640, se atopan en mal estado.
Esta situación afecta non só á competitividade da provincia, senón ao desenvolvemento diario das actividades dos lucenses – calquera veciño, traballador, autónomo, transportista, etc.- que empregan estas vías de titularidade estatal para os seus desprazamentos habituais.
No caso da N-640, como o propio Goberno asegura, capta fundamentalmente tráfico de corto e medio percorrido. Os populares explican que “é a principal arteria de comunicación para os municipios da comarca de Meira e principal conexión con Lugo e Asturias”. Nese sentido, trátase tamén dunha das vías de comunicación máis empregadas para os desprazamentos dende a cidade de Lugo á Mariña oriental.