Todos os artigos á venda foron elaborados por persoas voluntarias do Espazo +60 Afundación de Ferrol participantes no Taller Solidario
O proxecto xorde este ano 2024 a proposta de dúas das socias, Edelmira Paz e Isabel Rama, quen desexaban realizar algunha actividade para socializar e ocupar o seu tempo libre, ademais de colaborar polo ben común. Así, propoñen iniciar unha actividade de voluntariado a través da creación do taller solidario e a tenda solidaria. Puxéronse en contacto con Dolores Fernández, outra das socias do Espazo +60, para propoñerlle ser a monitora voluntaria, xa que dedicou a súa vida profesional á costura. Aos poucos foise difundindo a iniciativa e foi aumentando o número de participantes ata acadar as 9 voluntarias actuais de entre 52 e 80 anos.
Esta actividade ten como finalidade o desenvolvemento de hábitos de reciclaxe e promove a creatividade e a imaxinación á vez que fomenta a solidariedade e a cooperación entre os participantes. Está enmarcada dentro do programa «O valor da experiencia» da Área de Maiores, que ten como obxectivo potenciar o papel activo dos maiores na sociedade e o desenvolvemento de actividades de voluntariado.