Site icon Crónica3.com A Mariña

O delegado do Goberno reivindica en Xermade o uso do galego como símbolo de identidade e riqueza cultural de Galicia

Lembrou o impulso do Goberno coa normalización do galego en todos os eidos, promovendo o uso da lingua no Congreso dos Deputados e no Parlamento Europeo, así como na Administración Xeneral do Estado

Xermade, 17 de decembro de 2024. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou a importancia de preservar e promover o uso do galego como símbolo de identidade e riqueza cultural de Galicia. Así o afirmou hoxe no acto de restauración da memoria lingüística que acolleu o Concello de Xermade na igrexa de San Mamede de Momán e no que tamén participou a subdelegada na provincia, Isabel Rodríguez.

O delegado felicitou ao alcalde de Xermade, Roberto García, así como á Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, á UNED Sénior da Coruña e ao Concello polo seu traballo na organización deste acto, que cualificou de “xustiza histórica e de reafirmación cultural”. “Hoxe lembramos a un home, Jesús Paz Paz, que dedicou a súa vida ao fomento da cultura e as tradicións da súa terra. Honrar a súa memoria é un recordatorio de que as linguas son herdanzas vivas que debemos preservar e transmitir”, afirmou.

O delegado subliñou que a lingua galega vai máis aló de ser un medio de comunicación: “É un xeito de pensar e de habitar o mundo. É parte fundamental do gran legado cultural do Estado, que engrandece a nosa riqueza e diversidade e que nos define como sociedade”.

Durante a súa intervención, Pedro Blanco destacou o compromiso do Goberno coa promoción das linguas cooficiais, recollido no artigo 3 da Constitución Española, e afirmou que falar galego, promover o seu uso e normalizalo en todos os eidos “non é só un acto cultural, senón tamén político”.

Lembrou, ademais, os momentos históricos de silenciamiento e represión lingüística que afectaron ás linguas propias e puxo en valor iniciativas “como a que hoxe nos trae aquí, permitindo a substitución da lápida en castelán por unha en galego como un símbolo de recuperación e dignificación cultural”.

Blanco tamén apelou á responsabilidade colectiva para avanzar cara a un uso pleno do galego nas institucións, na educación, nos medios de comunicación e en foros nacionais e internacionais como a Unión Europea, onde “seguimos traballando para que o galego alcance o estatus de lingua oficial”.

Finalmente, concluíu lembrando unha cita de Rosalía de Castro: “As linguas son a alma dos pobos”. “Coidemos a nosa alma, defendamos a nosa lingua e sigamos traballando, día a día, por unha Galicia con futuro”, afirmou.

Exit mobile version