Viveiro, 17 de decembro de 2024. A recollida de firmas impulsada polo Conservatorio Profesional de Música de Viveiro para solicitar á Xunta de Galicia que asuma os seus gastos leva xa 2.400 sinaturas de veciños e veciñas do municipio dende finais de novembro.
O Concello de Viveiro amosou o seu apoio a esta iniciativa instalando na planta baixa da Casa do Concello unha mesa cos formularios correspondentes para a firma, na que aínda se pode colaborar coa causa.
A alcaldesa María Loureiro sinala que “non se pide nada máis que que a Xunta asuma as súas competencias, xa que se trata dun ensino reglado e autonómico”. “Non ten sentido que sexa o Concello quen teña que facer fronte a todos os gastos”, engade.
Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa Miriam Bermúdez considera que “o gran número de sinaturas acadado nestas poucas semanas amosa o apoio da cidadanía de Viveiro a esta causa, polo que seguiremos loitando ata conseguir o obxectivo”.