A planta mariñá, especializada no engorde de rodaballo, alcanza unha produción de 3.300 toneladas anuais, situando a Galicia como única comunidade de España que o produce
Xove, 19 de decembro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, destaca a industria de cultivos mariños como decisiva no impulso da economía de Galicia. Por este motivo, e co fin de seguir impulsando políticas que consoliden a súa actividade, a Administración autonómica investirá o vindeiro ano 18 millóns de euros; o que supón un 65% máis con respecto ás dúas últimas anualidades.
Este esforzo inversor demostra o compromiso do Goberno galego para seguir impulsando este sector. Na comunidade existen 2.600 empresas e máis de 5.600 persoas que traballan na acuicultura, que acumula unha facturación de máis de 232,7 millóns de euros en 2023; unha das cifras máis alta dos últimos catorce anos. Dentro do volume de produción, que foi de 190.400 toneladas, o mexillón supón o 93,5%. O valor deste bivalvo na anualidade anterior foi de case 120 millóns superando todas as marcas desde 2005 coa mellor cotización da serie histórica, preto de 0,7€/Kg.
A esta aportación súmase a dos peixes que experimentou unha suba de máis do 4,7% na produción e de máis do 8% na facturación, destacando o rodaballo como protagonista. Esta especie rozou unha produción de 9.600 toneladas en Galicia, sendo a única comunidade en España que produce este peixe que é exportado a países como Francia, Italia ou Alemaña.
Este datos, en palabras do titular de Mar, son un exemplo do valor da acuicultura e da importancia socioeconómica que ten a súa actividade na nosa comunidade; de aí que Villares avogue pola súa compatibilidade co resto dos sectores da cadea mar-industria e de seguir impulsando a investigación neste ámbito, no que destaca o labor de organismos dependentes da Xunta como o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA). O obxectivo é avanzar na internacionalización coa ollada posta na protección medioambiental e con medidas que permitan adaptarse aos retos que esixen as tendencias de mercado e da alimentación.
E é que, segundo relatou, a acuicultura é unha solución sostible para que comer de forma nutritiva sen forzar os mares e os ríos, e sen esgotar a superficie terrestre.
Grupo Nova Pescanova
Esta multinacional española, do que forma parte a planta de Xove dende 2004, conta con uns 10.000 empregados repartidos en catro continentes, sendo unha das poucas empresas de produtos do mar presente en toda a cadea de valor, desde a orixe ata a súa venda. Aposta pola marca e a innovación dende a sustentabilidade dos recursos naturais e a optimización da xestión enerxética.
A planta de Xove dispón de 900 tanques para o engorde de rodaballo e ocupa unha superficie de 63.000 metros cadrados. Trátase dunha piscifactoría mariña en instalación fixa na que os alevíns son criados ata acadar o tamaño comercial. A capacidade de produción alcanza as 3.300 toneladas anuais. Conta cunha alta tecnificación para optimizar a produción e asegurar o benestar animal. Entre a tecnoloxía incorporada destacan sistemas de alimentación automática, visión artificial para parametrizar o benestar dos peixes e tecnoloxía Big Data para a mellora do proceso.