Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello presenta o proxecto ‘Fontes e Mananciais de Foz’ como posta en valor do seu patrimonio natural

Foz, 19 de decembro de 2024. A Concellería de Relacións Institucionais, Comunicación e Agenda2030 conseguiu un financiamento de 12.632,40 euros para desenvolver un innovador proxecto turístico-ambiental denominado Fontes e Mananciais de Foz, cuxo propósito é poñer en valor as fontes e mananciais do municipio. Esta iniciativa foi seleccionada para recibir fondos enmarcados no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU e canalizada a través da Xunta de Galicia. O Concello puxo ao día un inventario detallado de fontes e mananciais de hai dúas décadas que serviu como base para a creación dunha web municipal, www.fontesdefoz.gal, que xeolocaliza as fontes e mananciais de todo o municipio.

“Con este precioso proxecto damos un importante paso para a conservación e promoción do noso patrimonio natural, que forma parte da identidade cultural e paisaxística da nosa vila de Foz”, explicou o concelleiro Carlos García, que engadiu: “a iniciativa, prologada polo cronista oficial, é un espazo vivo que aposta por poñer en valor estes enclaves, potenciar un maior coidado e respecto, así como a súa integración en roteiros turísticos. Ademais o proxecto contempla o desenvolvemento dunha páxina web que ofrecerá información sobre as fontes e mananciais, así como a posibilidade de seguir os roteiros a través dunha aplicación móbil con sistema de xeoposicionamento”.

O alcalde, Fran Cajoto, destacou que “este é un exemplo de como podemos utilizar a tecnoloxía non só para preservar o noso patrimonio, senón tamén para facelo máis accesible e atractivo para o turismo sostible. O obxectivo final deste proxecto é poñer en valor os recursos naturais do municipio e ofrecer á comunidade local e aos visitantes unha experiencia que combina o respecto polo medio ambiente co goce do noso patrimonio”.

O Concello de Foz “segue unha liña política moi marcada con apostas vangardistas como a primeira concellería delegada en ODS, que vén traballando por implementar unha concienciación ambiental con proxectos coma FozHorizonte2030, galardoado polo Observatorio Nacional de ODS da UNED, ou o laboratorio de desenvolvemento sostible FOZLAB30, impulsor de proxectos en marcha como Comercio que Deixa Pegada, Fontes de Foz e outros que están en preparación”.

Exit mobile version