Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Vilalba organiza o sorteo dunha cesta entre as persoas que compartan nas súas redes sociais unha fotografía co alumeado de Nadal

Con esta iniciativa, na que colabora o grupo Vegalsa, preténdese “incentivar aos veciños e visitantes a que gocen do Nadal na nosa vila”

Vilalba, 10 de decembro de 2024. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, presentaron no día de hoxe o sorteo dunha cesta de Nadal que se fará entre todas as persoas que compartan nas súas redes sociais unha fotografía co alumeado de Nadal do casco urbano vilalbés.

O gañador ou gañadora do sorteo levará unha cesta de produtos de Nadal, achegada polo grupo Vegalsa, a través do supermercado Autoservizos Familia localizado na rúa Cidade de Lugo de Vilalba. Entre os produtos da cesta hai turróns, polvoróns, trufas, produtos de pastelería, viños, e unha paletilla curada.

“Con esta iniciativa pretendemos incentivar aos veciños e aos visitantes a que gocen do Nadal na nosa vila e que o compartan nas súas redes para animar tamén ao seu círculo de amizades e coñecidos”, explicou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.

Nesa liña, as persoas que desexen participar no sorteo terán que colgar nas súas redes sociais, en Instagram ou Facebook, unha fotografía co alumeado de Nadal do casco urbano vilalbés, etiquetar ao Concello de Vilalba e engadir o hashtag #VILALBAVIVEONADAL.

Ademais, “para que poidamos contabilizar todas as participacións e que ninguén quede fóra do sorteo, os participantes deberán enviar unha captura da publicación por correo electrónico a concursonadal@vilalba.es”, sinalou a concelleira Paula Vigo.

As fotografías poden comezar a publicarse dende hoxe, 10 de decembro, ata o día 1 de xaneiro, data na que rematará o prazo para o envío de publicacións. “Uns días máis tarde, o 6 de xaneiro, daremos a coñecer o gañador ou gañadora do sorteo, así, coincidindo co día de Reis o agraciado terá un agasallo extra”, salientou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

Finalmente, dende o Concello de Vilalba “convidan a todos e todas a participar e encher as redes sociais de fotografías do Nadal en Vilalba, para dar a coñecer a nosa vila e optar a facerse coa cesta de Nadal, chea de produtos para gozar destas datas”.

Exit mobile version