Foz, 4 de decembro 2024. O Concello de Foz vén de investir máis de 20.200 euros en melloras da área de xogos biosaudables da piscina municipal e na renovación das instalacións dos parques infantís de Marzán e Julia Minguillón. Os fondos das obras proceden da baixa económica do anterior contrato de renovación de parques, financiado cun convenio da Deputación de Lugo.
O alcalde, Fran Cajoto, explica: “desde que entramos a gobernar a nosa máxima é a contratación mediante concurso público, conforme á lei. Iso permítenos recuperar as baixas económicas para novas inversións, como neste caso. Somos moi escrupulosos cos fondos públicos, que son de todos”.
O rexedor municipal engade que “con estas obras xa rematadas completamos a renovación do parque de Marzán, substituíndo os oito bancos existentes e dispoñendo catro pezas biosaudables novas, que van a permitir exercitarse a persoas de tódalas idades. No parque de Julia Minguillón melloramos a alumeado público con novas luminarias, substituímos os bancos e realizáronse traballos de conservación na pérgola, na pasarela e nos xogos biosaudables. No entorno da piscina municipal completamos o parque biosaudable con cinco pezas ata os once xogos actuais e renovamos a base de caucho de todos eles”.
Os traballos de renovación e conservación encádranse no plan de mellora de parques públicos e zonas verdes do Concello. “A inversión en parques e espazos públicos é sempre unha boa decisión: desde que renovamos a área infantil e instalamos as primeiras pistas de petanca en Uxío Novoneira o espazo cobrou vida. Vimos tamén de substituír todos os bancos do parque Martínez Otero por novo mobiliario. Seguimos traballando”, finaliza o alcalde.