Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo forma no uso do desfibrilador ao persoal da Asociación Saúde Mental A Mariña

A administración local instalou un DESA en cada un dos centros que xestiona a entidade no municipio –na Senra e na Praza do Souto- e impartiu un curso de uso e manexo destes dispositivos no que participaron 24 persoas en dúas quendas

Cervo, 18 de decembro, 2024. O Concello de Cervo vén de impartir un curso de uso e manexo do desfibrilador semiautomático entre o persoal dos dous centros que xestiona a asociación Saúde Mental A Mariña no noso municipio.

A rexedora, Dolores García Caramés e o concelleiro, Adrián Arias, asistiron á clausura da formación de cinco horas de duración no que participaron 24 profesionais que despois destas sesións ampliaron e perfeccionaron os seus coñecementos para poder actuar con eficiencia ante calquera situación de patoloxía coronaria que se poida producir entre as persoas usuarias.

Así mesmo, o Concello de Cervo tamén instalou un DESA e cada un dos centros –tanto no da Senra, como no da Praza dos Souto- que estarán xeolocalizados polo 061 e serán dispositivos de acceso público dispoñibles as 24 horas ao día para dar servizo a toda a cidadanía ao mesmo tempo, creando dous noso espazos cardioprotexidos.

O persoal da asociación recibiu pois formación teórico-práctica para poder dar resposta ante as principais situacións de urxencia-emerxencia “co obxectivo de buscar a máxima seguridade e a excelencia no trato ás persoas usuarias”.

Tal e como apuntou a alcaldesa, mantemos unha interlocución constante con esta asociación e co seu cadro de persoal co que colaboramos en todo o que está na nosa man; “a programación deste curso e a dotación dos desfibriladores, son pois unha forma máis de contribuír á mellora da calidade do servizo”.

O curso homologado está avalado pola Sociedade Europea de Reanimación e polas Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES).

Exit mobile version