Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo felicita á veciñanza co seu tradicional calendario de Nadal

Editáronse máis de 2000 exemplares que chegarán a todos os fogares, protagonizados nesta ocasión polos diferentes clubs e asociacións deportivas do municipio

Cervo, decembro de 2024. O Concello de Cervo vén de presentar o seu tradicional calendario de Nadal que irá chegando nos próximos días a cada un dos fogares cervenses.

Nesta ocasión, o almanaque está protagonizado polos diferentes clubs e asociacións deportivas do Concello cun especial protagonismo tamén para a pista de atletismo recentemente inaugurada no complexo deportivo da Veiga xa que tal e como apuntou a a rexedora “unha das metas importantes que acadamos nos últimos meses e a de ver á mocidade e ás familias desfrutar desta nova instalación e a verdade é que é moi gratificante”.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, o edil de Deportes, David Rodríguez, e os concelleiros Alfredo Fernández, Adrián Arias e Mali Méndez, mantiveron un encontro con membros das diferentes entidades deportivas no Concello para amosarlles de primeira man o resultado da recompilación fotográfica, para agradecerlles a súa colaboración e para entregarlles os primeiros exemplares deste calendario do que se editaron 2200 unidades que chegarán a todos os fogares cervenses.

A alcaldesa, neste senso, estableceu un paralelismo entre o Nadal e o Deporte “que une a familia e a amigos e fomenta esa convivencia e ese espírito en equipo que tamén é o espírito do Nadal”.

O deporte é unha ferramenta poderosa que nos ensina valores como a perseveranza, a colaboración e o respecto –engadiu- “e agardo que ao igual que o deporte, este Nadal nos inspire para superar o nosos propios límites e traballar xuntos por un futuro mellor.

Este calendario e unha forma de simbolizar o noso agradecemento a todas as entidades deportivas –precisou- pola súa dedicación e paixón, que fai posible que todos poidamos desfrutar dunha oferta tan ampla; e neste senso quixo mandar unha mensaxe á veciñanza para que “estas festas non só sexan un tempo de descanso e ocio, senón tamén unha oportunidade para manternos activos e para fortalecer os lazos entre todos”.

Neste senso, en Cervo temos unha gran diversidade deportiva que queda patente neste almanaque (atletismo, artes marciais, tenis de mesa, piragüismo, fútbol, ciclismo, equitación, pádel, tiro con arco, surf, baloncesto, voleibol, natación…) que é unha das mellores formas de fomentar os valores que promove a actividade física como ao traballo en equipo, o respecto e o esforzo; e que se adapta a todas as idades, intereses e habilidades, “algo do que nos temos que sentir moi orgullosos”; apuntou.

Este calendario, cun deseño moi especial e moi noso, visiblemente renovado irá mudando edición tras edición “grazas ao rico tecido, social, cultural, deportivo e asociativo que temos”; é xa é un clásico do Concello de Cervo por estas datas, e cremos que é unha ferramenta moi útil para os nosos veciños porque recolle todas as datas importantes que terán lugar ao longo de todo o ano en Cervo, e tamén as festividades e días importantes que se conmemoran e celebran a nivel nacional; ademais dos teléfonos de interese do noso Concello.

Exit mobile version