Nestes días estase a proceder ás sinaturas das axudas cos diferentes clubs “como recoñecemento a un traballo fundamental para o noso municipio, ao que dedican moitas horas do seu tempo e que desenvolven de xeito totalmente altruísta en beneficio de todos”, apuntou a alcaldesa
Así, a alcaldesa, Dolores García Caramés, e o edil de Deportes, veñen de asinar un convenio de colaboración coa SD Candelaria, que milita na Segunda Futgal Norte, que supón unha axuda económica de 14.400 euros, incrementándose en 6400 euros, con respecto ao ano anterior.
A alcaldesa quixo poñer en valor o gran labor altruísta da directiva e de toda a familia do Candelaria, que son un claro exemplo do que é o traballo en equipo, e do esforzo e a dedicación, promovendo estes valores tan importantes para a nosa sociedade e fomentando o deporte tamén entre as xeracións máis novas. Quixo facer especial fincapé “no labor social da entidade, e darlle os parabéns porque cada día que hai fútbol na Granda é como se fose día de Festa, teñen un poder de convocatoria incrible reunindo a veciños/as de todas as idades en cada partido”.
A rexedora apuntou que á marxe desta axuda directa, dende o Concello de Cervo “tentamos colaborar sempre en todo o que está na nosa man na organización dos diferentes eventos, con todos os medios materiais e humanos que temos a disposición”, porque entendemos que fan un traballo altruísta moi beneficioso para toda a cidadanía.