Lugo, 27 de decembro de 2024. A Deputación de Lugo reclama á Xunta de Galicia que incremente os recursos destinados ao Servizo de Axuda no Fogar de 12 a 20 euros a hora e que reforce os equipos de valoración da dependencia.
Así se recolle na proposta de goberno impulsada polo BNG que se aprobou no pleno provincial deste martes, no que se puxo de manifesto o deterioro da atención ás persoas maiores cun tempo de espera media para tramitar a dependencia de 378 días,e a insuficiencia dos fondos que reciben os concellos para financiar este servizo.
“Precisamos dar unha volta ao financiamento para seguir prestando este servizo, que está recaendo sobre as traballadoras sociais que soportan unha carga burocrática inxente e sobre o lombo das traballadoras do SAF que fan un traballo físico e emocional fundamental en postos precarios e mal pagados”, sostivo a portavoz nacionalista Iria Castro, durante a súa intervención, na que reprochou á Xunta.
A deputada nacionalista afeou o voto en contra dos deputados do Partido Popular, “unha deslealdade cara aos seus propios concellos e cara as necesidades das persoas usuarias e das súas familias” e lembrou a traxectoria dos populares no goberno do Estado e na Xunta respecto da dependencia.
“O goberno de Mariano Rajoy recortou dereitos e prestacións, pero daquela escolleron non protestar” e “agora temos un servizo que pon en risco a estabilidade dos concellos e 2.703 maiores agardando por unha valoración”, recordou a deputada, que acusou ao actual goberno da Xunta de “non querer xestionar”, eludindo reclamar ao Estado a quita da débeda proposta polo BNG.
Moción de rexeitamento á macrocelulosa de Altri en Palas de Rei
O BNG tamén levou ao pleno provincial unha moción para ratificar o rexeitamento do pleno provincial ao proxecto de construción da macrofactoria de Altri en Palas de Rei, tras a multitudinaria manifestación en contra da celulosa celebrada o pasado 15 de decembro en Compostela, convocada polo colectivo Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.
O vicepresidente da Deputación e deputado nacionalista Efrén Castro lamentou que o Partido Popular e Partido Socialista non apoiaren a proposta, que evidencia o impacto no territorio, no medio natural e no patrimonio da macrocelusosa e que dá eco as demandas da sociedade galega que se manifestou multitudinariamente contra este proxecto.
O deputado nacionalista defendeu a mobilización democrática dunha sociedade que non quere esta industria de enclave no seu país fronte “aos intereses económicos” que guían a posición do Partido Popular, da man de Altri.