“Apoiando o comercio de proximidade xeramos riqueza na comarca donde temos comercio e produtos de primeira”
A Pontenova, 23 decembro 2024. O BNG vén de presentar na Pontenova a campaña que desde a formación nacionalista veñen desenvolvendo nos últimos anos baixo o título de “Mellor Local, Mellor Galego”, unha campaña “en defensa do pequeno comercio, das feiras e mercados tradicionais, dos produtos galegos e da súa etiquetaxe na nosa lingua propia, en definitiva, en defensa do noso” tal e como afirmou Xorxe Gómez, o portavoz municipal do BNG na Pontenova quen sinalou que “A Pontenova é unha vila con gran tradición comercial e desde o BNG traballamos para que o siga sendo”. Acompañaron ao edil nacionalista varios compañeiros da organización na localidade e tamén o deputado no Parlamento Daniel Castro García e fixeron un percorrido polos diferentes establecementos da Pontenova difundindo a mensaxe desta campaña e falando cos comerciantes.
O consumo e a aposta polos produtos galegos tén que ser unha prioridade na política económica de comercialización e de comunicación da Xunta
Desde o BNG apostan por promover o consumo de produtos locais e galegos, incentivando a etiquetaxe en lingua galega, así como recuperar e revitalizar os mercados municipais, fomentar a produción alternativa e ecolóxica, impulsar unha marca de calidade e identificación da orixe para produtos hortícolas, pesqueiros e marisqueiros e garantir prezos xustos para os produtos. Así mesmo propón a regulación dos horarios comerciais para favorecer un modelo sustentable. A creación de liñas de crédito prioritarias para o comercio e outra das propostas xunto coa promoción de alternativas galegas de venda en liña.
Neste sentido, o deputado Daniel Castro afirmou que “en Galiza temos unha terra e un mar únicos, con moita riqueza e potencialidade e producimos alimentos de extraordinaria calidade” e invitou a todos e todas as mariñás a “apostar polo noso”.