O deputado do BNG chama a cidadanía a volver a dar unha “resposta contundente” en contra da macrocelulosa na mobilización do domingo, 15, en Compostela
Madrid, 12 de decembro de 2024. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpelou a Secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, para exixir que o Goberno negue o financiamento público a Altri para a súa implantación no corazón da Galiza. A organización nacionalista sinala que o proxecto de macrocelulosa non cumpre cos criterios ambientais estabelecidos para a obtención das axudas públicas do PERTE de descarbonización e demanda ao Goberno rexeitar este proxecto.
“Non só queren implantarse no noso País senón que pretenden que paguemos entre todos o proxecto” recrimina o deputado do BNG no Congreso durante a pregunta sobre o polémico proxecto que Altri pretende implantar no corazón da Galiza. Para a organización nacionalista, existen argumentos dabondo para negar o financiamento público e rexeitar a súa instalación en Palas de Rei.
De facto, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea resolveu o pasado 25 de xuño, a raíz dun caso en Italia, que os proxectos industrias deben declarar todas as emisións potencialmente contaminantes, non só as directamente asociadas aos procesos que desenvolvan. Mais o estudo ambiental de Greenfiber non cumpre este criterio. “Altri ocultou moitas das emisións que vai ter. Tal e como recolle un estudo do doutor en bioloxía Ramón Varela, que acaba de ser publicado, a macrocelulosa está a ocultar máis de 15 substancias contaminantes, tales como partículas finas e mesmo gases de efecto invernadoiro como o dióxido de carbono” denuncia Rego.
En opinión do deputado nacionalista, o Goberno non pode ser cómplice deste atentado ambiental que está a contar coa oposición da cidadanía e da comunidade científica. “A implantación de Altri implicará destrución de emprego e un impacto ambiental maiúsculo se tomamos en conta as emisións contaminates á atmosfera, que provocarán chuvia ácida; sobre as augas do río Ulla e a ría de Arousa, dado que vai devolver a 27 graos millares de metros cúbicos cada día; unha maior eucaliptización e, por tanto, perda de biodiversidade; impacto no Camiño de Santiago e no sector primario tanto da zona como da Ría de Arousa e mesmo afectación a especies de flora singular e en risco de desaparición na Serra do Careón” alerta.
“O noso País non está en condicións de asumir este proxecto. O Goberno debe rexeitalo porque constatamos que xa incumpriu os criterios estabelecidos. Este proxecto só conta co aval da Xunta de Galiza e do Presidente Rueda, que está a actuar como comercial de Altri no canto de defender os intereses da Galiza e mesmo a escoitar a cidadanía” asevera Néstor Rego. Así mesmo, o deputado do BNG avanza a súa participación na mobilización desta fin de semana en Santiago de Compostela onde “os galegos e galegas volveremos a saír á rúa para dicir non a este proxecto”.