Néstor Rego lamenta que a resposta da Secretaria de Estado de Industria sexa “moi inconcreta” e mesmo que non se posicione a respecto da intervención pública
Nos últimos cinco anos, o BNG vén desenvolvendo un labor intenso nas Cortes e ten levado en numerosas ocasións o caso de Alcoa, sempre tendo como obxectivo garantir a continuidade da actividade e o mantemento dos postos de traballo. “A empresa leva moito tempo en crise e o aluminio é un sector estratéxico para a Galiza. É a única planta de aluminio primario que queda no Estado” salienta o deputado do BNG durante a pregunta á Secretaria de Estado de Industria.
Ante o incumprimento de Alcoa do acordo asinado cos e coas traballadoras, Néstor Rego lamenta que “nin Goberno español nin a Xunta de Galiza está vixiando” para que a empresa cumpra o acordado. Alcoa, lembra o deputado do BNG, após diversas vicisitudes, mudou a folla de ruta e acaba de pechar un acordo con Ignis por 100 millóns de euros. Diante desta incerteza “que Goberno e Xunta prolongan” o BNG reclama “que haxa a total disposición de ambas administracións para a intervención pública”.
Non é a primeira vez que este Goberno, recorda Rego, aposta pola intervención en empresas que considera estratéxicas: “casos como o de Telefónica ou o de Celsa son recentes”. “Estamos a falar de algo fundamental para a comarca da Mariña e para o conxunto do noso País” destaca Rego.
A resposta da Secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, lonxe de responder a se o Goberno do Estado ten a disposición de apostar pola intervención pública, aínda que fose temporal, focalizouse en dicir que estaban explorando varias ferramentas e solucións e que esta sairía do consenso entre empresa, traballadores e traballadoras e administracións. “Estamos descridos de solucións que xa no seu día se puxeron enriba da mesa e non garantiron a continuidade da actividade nin dos postos de traballo” recrimina pola súa parte Néstor Rego.
Ante esta falta de compromiso e de posición do Goberno do Estado, o deputado nacionalista lamenta que o Goberno non contemple a intervención pública, tal e como si que fixo en casos anteriormente mencionados e comprométese a que o BNG seguirá traballando e centrar todos os esforzos en manter o emprego de Alcoa e a súa actividade.