Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG insta á Xunta a rematar a senda peonil Vilaúde-Reirado, entre Alfoz e O Valadouro

A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda e o deputado mariñao Daniel Castro anunciaron hoxe a iniciativa presentada no Parlamento

A Mariña, xoves 12 de decembro 2024. Na mañá de hoxe, o deputado Daniel Castro e a alcaldesa Efigenia Maseda percorreron a senda peonil entre os concellos de Alfoz e O Valadouro, iniciada na década pasada, pero que a día de hoxe está sen rematar, pois quedan pendentes de executar 600m, despois de que o concello de Alfoz en febreiro de 2020 remitira unha proposta á Xunta para acabar este vial peonil que discorre de Vilaúde a Reirado paralelo á estrada de titularidade autonómica LU-160, e sen que a Xunta contestase a solicitude do concello. O tramo construido, tén unha lonxitude de 1.250m. e unha anchura de 2m.

Maseda e Castro anunciaron alí mesmo a presentación dunha proposición non de lei no Parlamento por parte do Grupo Parlamentario do BNG na que instan á Xunta a rematar os 600 metros pendentes desta importante senda. Así mesmo formularán preguntas ao respecto en pleno e en comisión para que expliquen cal é a razón pola cal a Xunta non remata esta senda iniciada hai varios anos e para que fixen un prazo de tempo para o remate da mesma.

Mellora da mobilidade

“Agardamos que esta iniciativa sexa tida en conta pola Xunta, porque esta senda está sendo utilizada por moitos veciños e veciñas e é unha mágoa que non estea rematada na súa totalidade para que poidan disfrutala con total garantía de seguridade tanto os de Alfoz coma os de Ferreira”. Afirmou a alcaldesa Efigenia Maseda.

En términos semellantes pronunciouse Daniel Castro, manifestando que “por unha cuestión de mellora das comunicacións, de favorecemento da mobilidade física e co obxectivo de incrementar a seguridade dos e das viandantes, a Xunta de Galicia tén que rematar esta senda peonil”.

Exit mobile version