O custo do Conservatorio Municipal de Música de Viveiro en 2023 ascendeu a 1.141.676,22€, dos cales 1.097.967,88€ destináronse a salarios e cotizacións á Seguridade Social, mentres que 48.708,94€ foron empregados en electricidade, limpeza e mantemento. Pola contra, os ingresos totais do conservatorio sumaron 195.086,57€, procedentes de matrículas e achegas mensuais do alumnado (103.326,31€), dunha subvención da Xunta (76.760,26€) e dunha achega da Deputación (15.000€). Esta situación supón un importante esforzo económico para o Concello, que reclama unha xestión por parte da Xunta acorde coas súas competencias.
Na presentación da moción, Miriam Bermúdez García, tenenta de alcaldía de Viveiro, salientou o papel fundamental da veciñanza: “Queremos agradecer e poñer en valor a implicación do persoal e das familias vinculadas ao Conservatorio de Música, que están recollendo sinaturas de maneira activa para reforzar esta iniciativa. Agora mesmo, na entrada do Concello de Viveiro, as persoas interesadas poden apoiar esta proposta asinando os pregos dispoñibles”.
O BNG defende que a Consellaría de Educación debe asumir a xestión integral dos conservatorios municipais, garantindo a igualdade de acceso ao ensino musical e aliviando a sobrecarga financeira que pesa sobre os concellos. Ademais, a moción propón a creación dunha rede de conservatorios profesionais comarcais para asegurar unha distribución equilibrada da oferta educativa no territorio galego.