Xabier Novo “ hai que darlle a chave dos nosos cartos aos galegos e galegas”
Vilalba, 19 de decembro de 2024 .- O BNG de Vilalba celebrou este xoves unha charla para dar a coñecer o modelo alternativo de financiamento que propón e que pasa por acadar un acordo bilateral co Estado que lle dea a Galiza o mesmo que xa ten Euskadi e pronto vai ter Cataluña: a chave dos seus cartos para mellorar a vida dos galegos e das galegas.
Así o indicou nun acto público na capital da Terra Cha, Ruben Cela, economista, enmarcado na campaña ‘Concerto económico: Galiza coa chave dos seus cartos” que está a desenvolver o BNG en favor dun modelo de financiamento xusto para o País e no que tamén participou o responsábel local en Vilalba, Xabier Novo.
“Hai que darlle a chave dos nosos cartos aos galegos e ás galegas”, incidiu, Xabier Novo desde o convencemento de que Galiza non se pode conformar coas “migallas” e ten que negociar un sistema que lle permita recadar o 100% dos seus impostos, fronte ao modelo dun PP que só quere retoques cosméticos no sistema actual, un sistema que cualificou de inxusto e que fai perder miles de millóns á cidadanía galega.
Nun momento no que se debate o modelo de financiamento, o BNG considera que Galiza non pode permanecer como mera espectadora nin perder o tren nun tema crucial que vai marcar o futuro do País, tal e como pretende o PP, con Alfonso Rueda á cabeza, que prefire a submisión á estratexia de Feijoo en Madrid que a defensa dos intereses dos galegos e das galegas
Por iso, no modelo de concerto que defende a formación nacionalista, Galiza será quen faga as contas co Estado e non ao revés, transferíndolle a Madrid o pago dos servizos comúns que presta no País, explicou Ruben Cela, quen subliñou que, co actual modelo, o Estado está facendo caixa a costa da cidadanía galega.
Neste sentido, referiuse ao informe elaborado polo economista Xosé Díaz, segundo o que, en 2022, último exercicio liquidado, o Estado recadou 15.385 millóns de euros en Galiza, que recibiu 10.041 millóns, é dicir, un diferencial negativo de 5.344 millóns ao que habería que restar o pago ao Estado polos servizos que presta pero que, aínda así, o saldo a favor do País sería enorme.
Para afondar no infrafinanciamento de Galiza, Cela tamén recordou o informe do Consello de Contas que, tras analizar o actual modelo de financiamento en termos de equidade e suficiencia, sitúa o déficit do financiamento entre 2009 e 2021 en case 20.000 millóns de euros, é dicir, que Galiza perde sobre 1.500 millóns cada ano.
Cela rematou defendendo que Galiza teña a chave dos seus cartos para que non se converta na única nación histórica que non terá ese status.