A identificación só se produce tres días despois de que o BNG solicitase información sobre o asunto, “o que nos fai pensar que o goberno municipal pretendía deixar pasar o tema e asumir o pagamento”.
Pablo Vizoso declarou: “Volvemos ver, unha vez máis, unha mostra de pouco respecto pola legalidade e responsabilidade para cos cartos de todos os veciños e veciñas. Resúltanos moi curioso que, en doce meses que durou o procedemento, o goberno non foi capaz de identificar o condutor do vehículo, a pesar das advertencias, até que nós solicitamos información. Temos constancia de que o uso e utilización dos bens municipais é un absoluto descontrol pola falta de capacidade de organización, pero neste caso a non identificación foi voluntaria e só se produciu cando comezamos a indagar sobre o asunto. Casualmente, tres días despois de que solicitamos información sobre o tema, o alcalde require ao infractor que se faga cargo da sanción. Aquí algo cheira raro”.
Para rematar: “Como dicíamos antes, é outra mostra máis do pouco respecto á legalidade por parte do alcalde, o que ten un custo económico para todos. Estes 900€ sumaríanse aos 43.750€, sen contar a recarga de sanción por actuar sen permiso e poñendo en risco aos usuarios nas vías da Deputación, aos 601€ do ano pasado por tirar fogos artificiais sen o respectivo permiso, ou aos 6.500€ que se pagaron por colococar o mamotreto nas escaleiras do Pazo de Ibáñez. Finalmente, como este grupo municipal denunciou no seu momento, tiveron que movelo de sitio nos últimos días ao facelo sen o respectivo permiso de Patrimonio. A actitude neglixente e o mal facer do alcalde sáenos moi caro a todos os ribadenses e as ribadenses. Queremos pedir explicacións públicas ao goberno municipal: con que razón se procedeu desta maneira? Se este grupo non pedise información, pretendían deixalo pasar e que a veciñanza pagase o asunto? Estábase intentando protexer alguén?”.