Ribadeo, 21 de decembro, 2024. O BNG realiza un análise dor orzamentos presentados polo grupo de goberno. “Como de costume, os orzamentos que presentou o Partido Popular de Ribadeo, tiñan varios erros, tanto de importes como de asignación de gastos a partidas orzamentarias ás que non lles correspondía. Vistos polo concelleiro do BNG responsábel de Facenda, Vicente Castro, detallámolos na comisión informativa na que se comezaron a analizar. O goberno municipal aceptou esas correccións e trasladounas ao pleno deste venres 20 de decembro, no que se aprobaron os orzamentos. Pero mellor tería sido que fosen presentados correctamente, sen erros, e con máis antelación”.
“Como ocorreu cos de 2024, os orzamentos do 2025 están moi inflados con respecto á previsión de ingresos. Queda a impresión de que o goberno municipal fíxoos do revés: prevendo canto gasto querían facer para o novo ano, calcularon despois cantos ingresos precisarían. E aí botaron a voar a imaxinación: para lograr unha cifra que se adaptara á previsión de gastos calculada inicialmente. E, ollo! Que se falamos de gastos, o actual goberno municipal adoita tirar a casa pola ventá”.
“Velaquí varios exemplos desta previsión desmesurada e pouco realista de ingresos. No ICIO (Imposto de Construción e Obras) están previstos 900.000€ de ingresos. Pois ben: xa nos orzamentos de 2024 estaba previsto ingresar 740.000€, e a 6 de decembro de 2024 tan só se recadaran 140.000€ (apenas unha quinta parte do previsto). No apartado de taxas por licencias urbanísticas no 2025 está previsto recadar 243.000€; no 2024 pensaban recadar 135.000€, pero só recadaron 40.000€ (apenas un 30% do previsto). Neste 2024, na recollida do lixo recadaron 260.000€ menos do previsto; e no canon da auga, 500.000€ menos. Aproximadamente, recadáronse un millón e medio de euros menos do previsto inicialmente”.
“Por outra banda, hai que destacar que, aínda que aumenta a previsión de ingresos, curiosamente diminúe a partida dedicada a investimentos nun 16%. E en cultura cae un 40%. Pero aumenta a partida dedicada a festexos (nun 58%) e a de publicidade e propaganda (nun 100%)”.
“Pouco a pouco vaise vendo que a capacidade inversora do Concello de Ribadeo perde fol: pero, a maiores, hai partidas de investimento para as que non se contempla a parte que lle corresponde ao concello, pero si están previstas as que lle corresponden a outras administracións. Pois ben: cando toque abordar eses proxectos, ao non haber consignada ningunha cantidade por parte do concello nos seus orzamentos, haberá que buscala noutras partidas. E iso supoñerá espir un santo para poder vestir outro, e atrasos na súa tramitación. Velaquí outro exemplo da mala eficiencia do alcalde de Ribadeo”.
“Despois de todos os precedentes no 2024, a credibilidade de Daniel Vega queda de novo cuestionada con datos e coa súa actuación política. Temos comprobado en moitas ocasións, mesmo nos plenos, que comeza dicindo unha cousa e aos quince minutos xa está a dicir a contraria. Varios colectivos sociais teñen experimentando esta mesma sensación ao longo dos últimos días en reunións mantidas con el”.