O portavoz municipal nacionalista defende un plan de vivenda accesible o mantemento adecuado das infraestruturas municipais, a mellora dos servizos básicos no rural, unha xestión responsable dos recursos públicos e a continuidade do servizo supramunicipal GES
“Hoxe estou ante este pleno para expresar o meu voto en contra dos orzamentos propostos polo equipo de goberno, e fágoo coa convicción de que a nosa obriga é velar polo benestar de todos os veciños e non aceptar plans que non atendan o necesidades urxentes da nosa sociedade”, afirmou Fernández.
Na súa análise dos orzamentos, o voceiro do BNG destacou varios puntos críticos que, ao seu xuízo, demostran unha falta de visión e compromiso cos problemas reais que atravesa o municipio. En primeiro lugar, Fernández denunciou a ausencia dun plan municipal de vivenda, un problema que afecta a moitas familias, sobre todo a mozos, que se ven obrigados a abandonar o municipio en busca de vivenda asequible. A pesar da gravidade desta situación, os orzamentos non contemplan medidas específicas nin partidas orzamentarias para afrontala.
“A vivenda é un dereito fundamental e un Concello ten a responsabilidade de garantir o acceso a unha vivenda asequible. Non podemos permitir que os nosos mozos e familias teñan que abandonar o municipio porque non teñen onde vivir”, subliñou Fernández.
Outro dos puntos que criticou o portavoz do BNG foi a falta de investimento no mantemento adecuado das infraestruturas municipais. Fernández destacou o estado de deterioro das rúas, parques, instalacións deportivas e edificios públicos, cuxa reparación e actualización non se reflicte suficientemente nos orzamentos. “O mantemento das nosas infraestruturas non debe ser unha opción, senón unha prioridade”, insistiu Fernández, sinalando que o abandono destas infraestruturas afecta directamente á calidade de vida dos cidadáns.
O portavoz do BNG tamén se referiu á desigualdade nos servizos básicos entre o centro urbano e as parroquias rurais do municipio. Na súa intervención, destacou a falta de sistemas de saneamento axeitados e de cobertura digna de telecomunicacións no rural, o que provoca o illamento dos veciños do rural do progreso. “É necesario investir na mellora dos sistemas de saneamento e na ampliación das telecomunicacións para que todos os habitantes, independentemente do seu lugar de residencia, poidan acceder aos mesmos dereitos e servizos básicos”, afirmou.
Fernández tamén fixo mención á situación do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), que, aínda que está reflectido no orzamento, en realidade non contará co apoio necesario en 2025, o que podería poñer en perigo a seguridade dos cidadáns. O GES xoga un papel fundamental na protección e seguridade, especialmente en situacións de emerxencia, e o seu desmantelamento suporía un importante retroceso na xestión pública do municipio.
Por último, a portavoz do BNG criticou os elevados gastos destinados a festas e eventos que, aínda que son importantes para a dinamización cultural, non deben seguir sendo prioritarios ante as carencias estruturais do municipio. “É importante que entendamos que hai que xestionar con responsabilidade os recursos públicos. O gasto excesivo en festas, mentres se descoidan as necesidades básicas dos nosos cidadáns, é un exemplo de mala priorización das políticas públicas”, afirmou.
Por todo o exposto, Diego Fernández concluíu a súa intervención reafirmando o voto en contra do BNG aos orzamentos, non como unha postura meramente crítica, senón como unha firme defensa dos intereses da cidadanía: “Necesitamos un orzamento que invista no que é verdadeiramente urxente: un plan de vivenda accesible a todos, un mantemento adecuado das nosas infraestruturas, mellora dos servizos básicos no rural e xestión responsable dos recursos públicos. Este orzamento non responde a estas necesidades, polo que os votos do BNG de Cervo non serán a favor. “, concluíu.
Coa súa postura, o BNG deixa patente a súa aposta pola xestión pública responsable, dirixida ao benestar de toda a veciñanza de Cervo.