Cervo, 30 de decembro de 2024. O Partido Popular decidiu pechar o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), unha medida que xerou un forte rexeitamento da formación nacionalista. O voceiro do BNG de Cervo, Diego Fernández, foi contundente nas súas críticas ao asegurar que esta decisión é un grave erro que pon en perigo a seguridade dos cidadáns e deixa indefenso a un municipio de máis de 4.000 habitantes ante posibles emerxencias.
O GES foi un servizo fundamental de asistencia en situacións críticas, dando apoio inmediato a todas as localidades de Cervo en caso de incendios, accidentes ou calquera outra emerxencia. Non obstante, a decisión do goberno do PP de pechalo foi criticada como irresponsable polo BNG, que considera que este peche deixará á poboación sen recursos vitais para afrontar situacións de risco.
Desconfianza na xestión dos recursos públicos e falta de transparencia
Diego Fernández subliñou que, hai 15 días, solicitou ao equipo de goberno contas detalladas dos gastos xerados polo servizo de emerxencias para comprobar se existían xustificacións económicas para o seu peche. Porén, segundo denunciou, “o goberno do PP segue sen facilitar a información solicitada, o que evidencia unha total falta de transparencia e respecto á oposición e, sobre todo, á cidadanía”.
“Parécenos incomprensible que, no medio da incerteza e dos riscos de seguridade, o equipo de goberno decida eliminar un servizo tan crucial sen achegar datos claros que avalen a súa decisión”, apuntou Fernández. Ademais, destacou que a falta de acceso ás contas e a opacidade do proceso aumentan a desconfianza na xestión dos recursos públicos.
Máis de 4.000 persoas quedaran desamparadas
O peche do GES deixa sen servizo ás máis de 4.000 persoas da localidade que quedarán sen un imprescindible servizo de resposta rápida ante situacións de emerxencia. “Este será un grave problema para os nosos veciños, e a responsabilidade de calquera consecuencia recae directamente no equipo de goberno do PP. É unha decisión equivocada que pode custar vidas”, concluíu Fernández.
O BNG esixe a reconsideración desta medida e a inmediata presentación das contas solicitadas. “Non imos permitir que se xogue coa seguridade do noso pobo. O Partido Popular debe explicar e rectificar”, engadiu.