O BNG esixe a posta en marcha de medidas urxentes para garantir a reactivación do servizo de emerxencias
Incumprimento das normas de seguridade
“Dende hai unha década, o Concello de Cervo demostrou unha total falta de compromiso para solucionar as carencias deste servizo de emerxencias, optando no seu lugar por unha xestión ineficaz e neglixente. A propia alcaldesa recoñeceu públicamente que, ao longo destes anos, o goberno municipal incumpriu de forma sistemática as normas de seguridade que protexen tanto aos empregados do servizo como aos propios cidadáns. Isto provocou que os traballadores se expoñan a condicións laborais perigosas, sen as medidas adecuadas para a súa protección, o que desencadenou nunha situación insostible”.
Para o BNG, e en palabras do seu portavoz municipal Diego Fernández “resulta incomprensible que, despois de tantos anos de avisos e queixas, a administración non teña implantado solucións eficaces para garantir un servizo de emerxencias seguro e funcional”. Asegura tamén Fernández Martínez que “o peche deste servizo non só reflicte unha total falta de planificación, senón tamén un desprezo á seguridade dos cidadáns e á integridade dos empregados que, a pesar das condicións precarias, seguiron traballando para prestar atención en tempos de urxencia”.
Abandono dun servizo público esencial, incapacidade e desinterese
Desde o grupo municpal do BNG consideran que os responsables desta grave decisión deben responsabilizarse do abandono dun servizo público esencial e do descoido do cumprimento dunha normativa que puxo en risco tanto aos traballadores como á poboación. E manifestan tamén que “este é un claro exemplo da incapacidade e desinterese do goberno municipal por salvagardar os intereses dos seus veciños, deixando á comunidade desprotexida ante situacións de emerxencia”.
Posta en marcha de medidas urxentes. A Xunta de Galicia tén as competencias en seguridade
O BNG de Cervo esixe ás autoridades locais unha resposta inmediata, así como a posta en marcha de medidas urxentes que garantan a reactivación dun servizo de emerxencias adecuado, que cumpra coas normas de seguridade e atenda ás necesidades da cidadanía.
Desde o BNG demándanlle tamén ao PP máis seriedade e rigurosidade, pois é a Xunta de Galicia quen tén as competencias en materia de seguridade, polo que non son de recibo as declaracións de mandatarios do PP derivando o problema cara outras administración, pois aquí hai dous responsables: o concello de Cervo, que á vista dos feitos foi incompetente para xestionar o GES, e a propia Xunta de Galicia que é quen tén as competencias.