Viveiro, 18 de decembro, 2024. O BNG afirma que “é sorprendente que o PP cuestione a valía do II Foro Económico de Viveiro cando os poñentes convidados son dous catedráticos de referencia na economía galega, cunha traxectoria profesional impecable e publicacións recoñecidas. Quizais deberían revisar os seus currículums antes de lanzar críticas sen fundamento, porque non teñen nada que desmerecer”.
A gran asistencia ao foro, con máis de 60 persoas representantes de empresas e autónomos de Viveiro e da comarca, pon en evidencia o interese e preocupación do noso tecido empresarial. Como destacou a concelleira de Promoción Económica, Iria Cotelo, “os asistentes deixaron claro que Viveiro e A Mariña sofren un abandono histórico en infraestruturas, como a falta dunha VAC para Viveiro, unha demanda esquecida polo PP na Xunta”.
Precisamente neste compromiso co tecido empresarial, o goberno local vén de dar un paso máis coa súa adhesión ao programa ‘Concello Emprendedor’. Esta medida, que foi presentada no pleno do 6 de novembro, contempla rebaixas de impostos de ata un 95% no IBI, IAE e no imposto de construcións para aquelas empresas que xeren emprego e amplíen as súas instalacións.
Cotelo subliñou que “buscamos facilitar a implantación e crecemento das iniciativas empresariais en Viveiro, cun compromiso claro coa creación de oportunidades laborais”.
Pola súa parte, Míriam Bermúdez, tenenta de alcaldía, reiterou que “as conclusións do foro foron contundentes: A Mariña está abandonada, e se non nos salvamos nós mesmos, non o fará ninguén”.
“Ademais, seguimos agardando a que o presidente da Xunta nos reciba para falar precisamente da variante de Viveiro, unha reunión que solicitamos xa no mes de setembro”.
“O goberno local continuará traballando para que Viveiro teña o futuro que merece, mentres outros seguen a falar sen aportar solucións reais”, concluiu