Remato o domingo coa impresión dun espazo humano, un pequeno recuncho no que case corenta persoas tiñamos o noso lugar sentados e aínda caberían máis. Cunha vista sobre o val de Cabarcos no veciño concello de Barreiros, podíase dicir que o espazo estaba cheo de xente, pero sobre todo, de contacto humano e vida.
Un domingo pola tarde. Unha actividade que axuntou ó espazo da asociación veciñal ‘A Parrala’ da Rilleira a un bo puñado de veciños e algún outro, coma min, que nos poderiamos considerar como estraños de non ser pola acollida que tivemos, que fixo que a nosa integración fose inmediata por moito que ó rematar ‘nós’ nos fósemos lonxe e ‘eles’ quedaran pola veciñanza. Por certo, un remate que si se podería chamar en diferido, pero non coa tristemente célebre acepción posta hai non tanto de moda a nivel estatal. Non, tratouse dun ‘diferido’ que consistiu en que despois do acto a asociación fíxonos partícipes a todos, asociados ou non, dunha merenda que extendeu a charla cruzada e o sentimento de formar parte dun mesmo mundo.
Claro que o dito foi a continuación. En principio, foi o acto, a actividade que deu pé a que a xente nos xuntáramos. E ese foi a presentación do terceiro libro de Lucía Ferro, a poesía de ‘Laídos cardíacos (poemario autobiográfico)’ que chega despois das novelas ‘Resaibo amargo’ e ‘En Brandan’. Sei que non son as súas únicas obras, pois a súa pluma inclúe tamén textos en inglés, artigos en revistas ou entradas de blog, a máis de obras de formato gráfico ou mixto. Pero, en papel, si, é o seu terceiro libro.
A presentación consistiu na lectura por parte da autora de varios poemas do poemario presentado, acompañados pola guitarra de José Manuel Ventoso. Ó final, intervencións do público. E no medio, unha entrevista en directo na que se debullou a persoa e a obra de Lucía. Tranquilidade para presentar un arte poético que, mesmo tendo en conta as palabras da autora no sentido da súa evolución ó longo da creación do libro, amosa sentimentos enxendrados con dureza entregados con superación e rematados con esperanza. Así, o apelido literario da autora respondería non só ó título desta obra, senón tamén á dureza que a fixo posible.
O último dos poemas lidos no acto corresponde tamén co último (poema) do libro. Aínda que non dea unha idea veraz por non poder reproducir a disposición do libro, as súas verbas rematan: ‘Nós non faremos dano,/ nós hemos/ de/ curar’. Unha tradución non literaria sería que ti, eu e calquera (nós) temos vontade do ben para os máis. A dureza de sentimentos que o libro transmite remata pois coa suavidade dun común humano de querer vivir nunha sociedade constituída por e para a xente. Para nós.