O recoñecemento foi entregado no marco das xornadas AMODO. Conversas Arredor da Gastronomía na Mariña
O premio, unha peza de Sargadelos, foi entregado por Rocío López, presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, e Tita Iglesias, presidenta do Colectivo de Gastronomía da Mariña. O acto tivo lugar na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo, dentro das xornadas gastronómicas de AMODO. Conversas Arredor da Gastronomía na Mariña.
Amas da Terra
O proxecto “Amas da Terra”, creado e coordinado pola cociñeira do restaurante A Tafona, que conta cunha Estrela Michelin e dous Soles Repsol, consiste nunha rede de apoio de mulleres galegas produtoras, artesás, mariscadoras, agricultoras e cociñeiras que busca reivindicar o seu traballo e achegarlle valor engadido.
A Mancomunidade de Concellos da Mariña e o Colectivo Gastronómico da Mariña seleccionaron nesta primeira edición a este proxecto por promover a gastronomía como unha ferramenta de acción social e cultural, baseándose en valores como a sostibilidade, identidade, creatividade…así como polo seu recoñecemento do papel gastronómico fundamental da muller, moitas veces invisibilizado.
Premio Merlín
O Premio Merlín, creado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña e o Colectivo Gastronómico da Mariña, nace como unha ferramenta que pretende promover a relación e os intercambios entre profesionais do sector gastronómico da Mariña e outros territorios, así como fomentar a reflexión arredor da gastronomía e do turismo gastronómico desde unha perspectiva actual, aberta e transversal.
O galardón nace no seo das actividades desenvolvidas para dotar dun valor engadido á Mariña como un destino de turismo gastronómico sostible e innovador, como é o caso das xornadas AMODO. Conversas Arredor da Gastronomía na Mariña, no marco no que se desenvolveu o evento da entrega, logo dun día de conferencias abertas ao público de importantes referentes gastronómicos de toda España.
Presstrip 3 decembro
As xornadas AMODO finalizarán esta martes 3 de decembro co desenvolvemento dun press trip orientado a profesionais e xornalistas especializados en gastronomía, chegados de distintos puntos de Galicia e España.