Considera “crucial” que se celebre a Mesa de Alcoa e volve pedir que o Goberno tome en serio os traballadores e a industria galega, acometa medidas de baixada dos prezos enerxéticos e traballe coas compensacións de CO² como noutros países europeos
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, considerou “absolutamente dramático” que o Goberno central aprobe no Consello de Ministros de hoxe un proxecto de Lei de industria e autonomía estratéxica “illadamente da parte enerxética”.
“Chama a atención que hoxe se diga que se vai aprobar un proxecto de Lei de industria que pretende favorecer esa autonomía industrial en España cando unha das cuestións fundamentais para que a industria sexa autónoma e consiga ser estratéxica dentro de Europa é precisamente a baixada dos custos enerxéticos, no que non está traballando para nada o Ministerio”, argumentou.
Lorenzana indicou que esta é unha cuestión na que Galicia xa leva avanzado, así como en solicitar que se cualifiquen determinados proxectos singulares como estratéxicos para o país. Considerou, nesta liña, que a industria ten “moi pouco peso” no Goberno ao estar o Ministerio de Industria e Turismo “absolutamente supeditado á Vicepresidencia para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico”, polo cal “ten agora mesmo moi pouca practicidade nas cuestións que poida regular”.
Abandono de Alcoa
“Pode darse toda a pompa que se queira a unha lei, pero, desde logo, as industrias en Galicia están por atender por parte do Ministerio”, dixo, e puxo como exemplo a situación da planta de Alcoa en San Cibrao logo da suspensión da reunión prevista para esta mesma semana.
“É vergoñento que o Ministerio de Industria e o Goberno central estean tratando así ás mais de 1.000 familias que dependen de Alcoa. Reclamamos unha vez máis que é crucial que se leve a cabo esa mesa” que a Xunta leva solicitando desde setembro, lembrou. “É unha falta de respecto absoluto cara aos traballadores”, enfatizou.
Lorenzana urxiu a “que o Estado tome en serio os traballadores e a industria galega, se acometan medidas de baixada dos prezos enerxéticos e se traballe coas compensacións de CO² como noutros países europeos”.
Neste contexto, puxo de manifesto o apoio da Xunta que, engadiu, “vai estar aí”, ao igual que o propio presidente Rueda, se finalmente asisten á esa xuntanza os ministros de Industria e Transición Ecolóxica.