Ribadeo, 20 de Decembro de 2024. Na tarde-noite de onte, xoves, celebrouse a charla informativa anunciada por este colectivo na Casa do Viejo Pancho de Ribadeo. Antes do comezo dedicouse un minuto de silencio pola memoria de Rejane, a muller asasinada en Viveiro, nun novo crimen machista e convidouse aos asistentes a participar na concentración de repulsa que terá lugar hoxe, venres as 20.00, na Praza do Oito de Marzo.
No acto participaron mais de cincoenta persoas con moitas intervencións e un intenso debate, que deron conta da “inquedanza social que están subscitanto as talas reiteradas e inxustificadas de árbores en diferentes pontos do concello e o temor a que estas sigan adiante e se extendan a outros lugares no sucesivo”.
Tamén se deu conta da falla de información sobre a reforma do Parque Municipal e o Campo de Santa María, anunciada en varias ocasións polo Alcalde nos medios de comunicación, pero negada por éste na xuntanza celebrada no Concello o día 3 de decembro con seis membros desta plataforma. Participaron tamén varias persoas da Xunta Directiva da ANPA do Colexio Gregorio Sanz que amosaron a sua sorpresa pola tala indiscriminada de moitas árbores sen información previa, e suliñouse que algúns dos informes relativos a esta intervención foron realizados con posterioridade á devandita tala. Algúns de estes informes foron proxectados polos poñentes e puidose comprobar que as datas de redacción destes documentos presentan contradiccións evidentes cas declaracións da alcaldía.
Por outra banda suliñouse que un dos informes asinado por unha empresa privada, a mesma que realizou as cortas, xustifica as talas, entre outros motivos, en base a que as árbores dan sombras e as follas caen nos canalóns e despois hai que limpalos (sic). Tamén se chamou a atención sobre o feito de que as cortas se realizasen en días lectivos e estando os nenos nos patios de recreo. Sobre o proxecto, recoñecido polo Alcalde, de suprimir os contedores de lixo diante das vivendas sociais da Rúa Clemente Martinez Pasarón, suliñouse que fan un estimable servizo e que poden ser reparados sen excesivo custo e mesmo, según persoas residentes nestas vivendas dende hai mais de 30 anos non é certo que se ven vexan ratas como se intentou xustificar.
Como proxectos para o futuro acordouse estar vixiantes a calquer nova actuación do concello, esixir unha información e transparencia que non existiu ata a actualidade, seguir reuníndose periodicamente e convocar actos públicos de rexeita cando se considere necesario.