Con esta medida, o goberno local pretende incrementar a seguridade de todos os usuarios e usuarias da vía, prestando especial atención aos lugares de paso dos peóns
Vilalba, 27 de decembro de 2024. A Concellería de Infraestruturas Urbanas de Vilalba vén de instalar máis de 250 luces led viais en múltiples rúas do casco urbano vilalbés, co obxectivo de incrementar a seguridade de todos os usuarios e usuarias da vía, prestando especial atención aos lugares de paso dos peóns.
O proxecto deu comezo o pasado mes de novembro coa posta en marcha dun plan piloto no cal se instalaron luces led viais en pasos de peóns concretos do casco urbano vilalbés, de tal forma que se puido comprobar o seu correcto funcionamento e a súa pertinencia para, posteriormente, levar a cabo a instalación dos mesmos na principais rúas de Vilalba.
Nesa liña, as novas luces led que advirten aos condutores da existencia dos pasos de peóns para que extremen as súas precaucións, xa foron instaladas en todos os pasos de peóns da Avenida da Terra Chá, á que se suman outras rúas da contorna como a Rúa da Emigración, a Rúa Guitiriz, a Rúa Alcalde Fraga Bello ou a Avenida de Lugo, entre outras.
En canto ao funcionamento dos dispositivos, trátase de luces led recargables con placa fotovoltaica que se activan de forma automática na escuridade e serven para sinalizar os pasos de peóns, tanto para os condutores como para os demais usuarios e usuarias da vía.
“É unha iniciativa coa que dende o goberno local ratificamos o noso compromiso coa seguridade vial, pois súmase ao recente repintado de pasos de peóns levado a cabo ao longo de todo o casco urbano”, salientou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quen engadiu que “as luces led seguirán instalándose de forma progresiva en máis pasos de peóns do casco urbano, incidindo nas zonas que poden resultar máis perigosas, como as próximas ao centro de saúde, a parques e xardíns ou naquelas cunha iluminación ambiental reducida”.