Celanova, 2 de decembro de 2024. Tres clubs deportivos ourensáns: BXT Celanova, CB Allariz e A.B Xinzo e dous da Mariña lucense: Iberia CF e Celtas de Foz realizarán unha recollida solidaria de libros para as nenas e os nenos afectados pola Dana en Paiporta.
O norte e o sur de Galicia traballarán unidos por esta causa. O que precisan para as crianzas de 1 a 6 anos son libros infantís, tamén libros xuvenís así como xogos educativos, plastilina e puzzles. Iso foi o que lles demandou a concelleira de Educación e Deporte de Paiporta, Susana Moreno, coa que se puxeron en contacto hai uns días. Dos puntos de recollida informarán proximamente. O material será enviado a ese concello valenciano a finais do mes de Nadal co obxectivo de axudar á recomposición das aulas afectadas. “Trátase dun proxecto cultural, solidario e deportivo, que une a clubs ourensáns e mariñaos”, explican os organizadores.
Ademais o vindeiro 15 de decembro terá lugar a II Gala dos Premios Mouchiño de Celanova. Recibirán os galardóns Mouchiño Cultura as Bibliotecas do IES Celso Emilio Ferreiro e Ceip P. Curros Enríquez, de Celanova, “pola súa incansable labor no fomento da cultura nesta vila”. E o galardón Mouchiño Deporte será para Moncho Fernández, adestrador de baloncesto durante 14 tempadas consecutivas no Obradoiro, en Santiago de Compostela, “sendo artífice da mellor etapa deportiva do club santiagués e polos valores exhibidos, que comparte a Asociación BXL, esforzo, compromiso e dedicación”.
Tamén terá lugar a presentación da cuarta edición do Fotopoema de Nadal, que este ano conta coa colaboración do poeta de Ludeiros (Lobios), cunha ampla traxectoria no mundo da comunicación e da poesía e que nesta edición traza uns maxistrais Haikugas sobre as fotografías dun vello amigo da Asociación BXL, cómo é o artista gráfico ribadense, David Rivas.