O acordo inclúe, ademais, a mobilización coordinada dos servizos de urxencias para garantir que ningunha situación crítica quede sen cobertura
Lugo, 5 de decembro de 2024. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a conselleira de Saúde de Asturias, Concepción Saavedra Rielo, asinaron hoxe, no Hospital Lucus Augusti, un convenio de colaboración para garantir a asistencia sanitaria nas zonas limítrofes das dúas comunidades e reducir os tempos de atención.
O conselleiro de Sanidade sinalou que a sinatura deste acordo é a expresión clara da responsabilidade compartida á hora de garantir unha atención sanitaria de calidade, eficiente e accesible para a veciñanza, independentemente da súa localización xeográfica. Referiu que este acordo é o inicio dun camiño de colaboración sanitaria que Galicia e Asturias agardan ampliar no futuro para chegar a máis xente e a novos ámbitos.
No acto de sinatura estiveron presentes o delegado territorial da Xunta, Javier Arias; a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares.
Tal e como detallou Gómez Caamaño, para os preto de 50 habitantes de nove núcleos da parroquia dos Coutos, no concello asturiano de Ibias, é unha vantaxe recibir asistencia sanitaria no centro de saúde de Navia de Suarna e no Hospital Universitario Lucus Augusti, reducindo de xeito significativo os tempos de desprazamento e facilitando unha atención próxima, eficaz e humana.
En concreto, este acordo supón reducir o tempo de acceso á atención primaria de 45 a 26 minutos e o acceso hospitalario de case dúas horas a pouco máis dunha, o que, ademais de mellorar a calidade asistencial, alivia ás familias a carga que supoñen os longos desprazamentos.
Gómez Caamaño incidiu en que este acordo inclúe a mobilización coordinada dos servizos de urxencias co obxecto de garantir que ningunha situación crítica quede sen cobertura.
Ademais, grazas á colaboración entre Galicia e Asturias queda asegurado, coa máxima coordinación entre as respectivas centrais de urxencias e emerxencias, o transporte interhospitalario e as derivacións necesarias.
Para acadar unha asistencia sanitaria completa e coas máximas garantías de calidade, o Servizo Galego de Saúde incorporará a información dos novos pacientes ao seu sistema de historia clínica electrónica, que é pioneiro e de referencia en todo o Estado, subliñou o conselleiro.
Colaboración Interterritorial
Gómez Caamaño remarcou que a colaboración interterritorial é un modelo de éxito, posto que Galicia atende pacientes de Castela e León en Valdeorras e Verín, e tamén nas zonas limítrofes con Portugal, por medio do acordo do Instituto Nacional de Emerxencia Médica.
O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde agradeceu a boa disposición do Principado de Asturias para chegar a esta colaboración e puxo en valor o traballo da alcaldesa de Ibias, quen perseguiu este acordo en defensa da sua veciñanza.
Gómez Caamaño rematou a súa intervención reafirmando o compromiso da Xunta de traballar man a man coas comunidades veciñas para seguir construíndo unha sanidade pública exemplar, solidaria e aberta.