Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz acende este xoves o seu alumeado de Nadal, que inclúe sorpresas agochadas con premios

Foz, 3 de decembro de 2024. O Concello de Foz ten preparadas moitas actividades e sorpresas para este Nadal, que comeza ao grande este xoves, día 5 de decembro, ás 18.30 horas na glorieta de Vilalba co acendido do alumeado de Nadal. Neste acto haberá cor, doces para os pequechos e a música da Banda de Música de Foz, anuncia o alcalde, Fran Cajoto.

O rexedor municipal destaca que “unha máxima que segue o Concello é levar o Nadal tamén ás parroquias e facer destas datas un momento de ilusión para os pequenos. Foz será un pobo a percorrer cheo de luz e cor e con sorpresas escondidas. Este Nadal o Concello e a ACIA xuntan forzas para que veciños e visitantes paseen pola vila e descubran o paradoiro das sete Bólas do Nadal de Foz. Estas bólas estarán escondidas nalgún dos lugares con iluminación de Nadal da vila e o que as atope todas e as marque no tríptico que poderá conseguir nos comercios asociados á ACIA entrará no sorteo de sete premios, que se entregarán na recepción das súas maxestades os Reis Magos do vindeiro 5 de xaneiro. Akira Toriyama deixounos hai uns meses pero o seu legado perdura: son varias as xeracións de nenas e nenos que creceron con Son Goku, Bulma, Krilin, Piccoro, o mestre Mutenroi, … na procura das sete Bólas do Dragón. Unha historia que aquí comezou coa emisión do primeiro capítulo da serie animada na TVG alá polo ano 1990. Desde Foz queremos facer esta sentida homenaxe, en especial para os máis cativos, que deben buscar as sete bolas máxicas percorrendo o alumeado de Nadal. Como estas datas son ilusión e os debuxos son para nenos -e non tan nenos- agardamos que todos o desfrutedes como mínimo tanto como nós preparándoo. E se hai sorte no sorteo, aparecerá o dragón Shenron”.

“Son Goku acompáñanos, pero non é o único. Imos ter uns meses de decembro e xaneiro cheos de actividades para pequenos e grandes e, sobre todo, moitas gañas de que a xente desfrute delas”, afirma a concelleira Inés López Couto, que engade: “pedimos tamén colaboración de todas e todos para que todos os elementos decorativos non sufran ningún tipo de dano e podamos desfrutalos. Con este motivo, e tamén porque é a estrela que nos guía, pareceunos moi apropiado que este ano presida a praza Conde de Fontao, fronte ao peirao, a estrela do Nadal”.

Exit mobile version