Foz, 17 de decembro de 2024. Mañá, 18 de decembro, terá lugar en Foz o sorteo de 4.500 euros en premios da campaña Regala en Nadal, Merca en Local.
Os actos desenvolveranse na praza Conde Fontao entre as cinco e as oito da tarde. Ás 17:30 horas haberá unha actuación infantil; ás 18:00 horas será o sorteo dunha tarxeta prepago de 500 euros; para as 18:30 horas está prevista unha chocolatada; ás 19:00 horas terá lugar o sorteo dunha tarxeta prepago de 1.000 euros; ás 20:00 horas serán as intervencións do presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, do presidente da Federación Galega de Comercio e da Federación de Comercio de Lugo, José Mª Seijas, e do alcalde de Foz, Fran Cajoto; e a continuación terá lugar o sorteo, polo sistema de bingo, dunha tarxeta prepago de 3.000 euros.
A campaña Regala en Nadal, Merca en Local é unha iniciativa de promoción do comercio, que ten como obxectivo principal dinamizar as compras na época máis relevante do ano para a actividade comercial, como é o Nadal.
As tarxetas prepago sorteadas deberán ser gastadas polos respectivos gañadores nunha xornada de compras nos establecementos asociados.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, indica que “mañá será un día especial en Foz. Non se nos ocorre mellor maneira que empezar a celebrar o Nadal con estes premios que imos sortear ao longo da tarde na praza Conde Fontao”.
Pero aínda haberá máis premios en xogo con AciaFozCCA ao longo das vindeiras semanas. Paleo lembrou que “hai outros 500 euros en xogo, que serán para as persoas que atopen as sete bólas do dragón agochadas no alumeado de Nadal de Foz. Hai de tempo ata o 4 de xaneiro. O dragón Sheron aparecerá e os Reis Magos entregarán os regalos aos agraciados nesta campaña”.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, subliñou que “o 8 de xaneiro faremos realidade dez desexos. Imos sortear ese día dez premios de 100 euros en vales de compra cada un, entre todas as persoas que fixeron as súas compras por importe superior a 10 euros nos establecementos asociados entre o 13 de decembro e o 6 de xaneiro”. O sorteo será a través de Radio Foz.
AciaFozCCA conta para a súa campaña de Nadal coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Foz.