Foz, 31 de decembro de 2024. O Concello de Foz entregou este luns, día 30 de decembro, os premios aos participantes no concurso de postais de Nadal que convoca todos os anos a Biblioteca Municipal Salgado Toimil.
Nesta edición a gañadora foi unha postal presentada na categoría de Primaria A, de María Lorenzo Fernández, que representa o Nadal de Foz nun lugar emblemático para o pobo, como é o mural de Rente ao mar ese camiño. Esta postal forma parte da felicitación do Nadal do Concello.
Os gañadores por categorías foron: na categoría Infantil, Lucía López Rodríguez (4 anos do Colexio do Pilar), Ana Rodríguez Vale (5 anos do Colexio do Pilar) e Daniel Castelo Cuadrado (5 anos do Colexio do Pilar); na categoría Primaria A, María Lorenzo Fernández (8 anos do Colexio do Cantel), Raquel Pichín Fernández (8 anos do Colexio do Pilar) e Marina de Paz Fernández (7 anos do CEIP Nº1); na categoría Primaria B, África Fernández Vidal (11 anos do Colexio do Pilar), Sara Longarela Riveira (10 anos do Colexio do Pilar) e Favour Mohamed Aifuwa (11 anos do Colexio do Pilar).
“Agradecemos a boa participación dos centros e a implicación dos nenos que cada ano debuxan cousas máis orixinais”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto, que engade: “esperamos que sigan participando e acudindo á Biblioteca en busca de novas inspiracións para os seus debuxos”. Este ano, ademais da Técnico da Biblioteca, Marta Carrera, e a concelleira de Cultura, colaborou na organización deste concurso a edil de Muller e Igualdade, Elena Martínez Pena.
O alcalde, Fran Cajoto, entregou os premios este luns ao finalizar a función de Paco Nogueiras na Casa da Cultura. “É moi gratificante ver que os máis pequenos desfrutan debuxando e que neses debuxos expresan o que ven no seu pobo e a emoción do Nadal. Agradecémoslles a súa participación cuns pequenos premios para que sigan debuxando e lendo. A cultura é indispensable sempre”, comentou o rexedor municipal.