Site icon Crónica3.com A Mariña

“Elon máis eu”, por Antonio Gregorio Montes

Elon Musk máis eu (ou ti) somos fundamentalmente iguais: compartimos dende máis do 99,99% do xenoma a un mesmo planeta, respiramos o mesmo aire aínda que non traguemos a mesma contaminación, e os sentimentos de ledicia ou tristeza sabemos ambos como son, por moito que cada quen desfrute ou cargue cos seus.

A pesar do anterior, é probable que nunha comparación feita nunha rede social ou nun xornal, se opte por deixar a unha beira esas semellanzas e pola contra, marcar as diferenzas. Diferenzas nas que non son tan valoradas as opinións sobre a redistribución da renda ou as consideracións sobre o dereito duns pobos a aniquilar a outros, senón máis ben esas que pasan polos cartos e o poder. É dicir, esas que indican que o iluminado empresario ten un patrimonio da orde de un millón de veces o meu (que a cifra poda ter un erro de medio millón arriba ou abaixo coido que é irrelevante) e unha influencia que multiplica esa cifra. Por exemplo, esta semana pasada accedín a unha ilustrativa imaxe na que salientaba de xeito gráfico que os seus interesados tweets -moitas veces propagadores de mentiras ou bulos- foron vistos entre xullo e novembro, campaña electoral estadounidense, 16 veces máis que todos os que corresponden a todo o conxunto de contas oficiais e persoais dos congresistas norteamericanos, incluídas ‘estrelas’ como Alexandria Ocasio Cortez, Bernie Sanders ou Ted Cruz. E, en relación ó meu blog Ribadeando, os seus tweets foron vistos practicamente un millón de veces máis que as miñas entradas. Iso si, a imaxe á que me refiro non poñía nada de que Elon é propietario de esa rede social ou de que os algoritmos de recomendación nela non só teñen nesgos, senón que están literalmente ‘trucados’ favorecendo a Elon ó tempo que eliminan informacións antiisraelís (coidado, non antisemitas!) entre outras sutilezas.

Ou sexa, aínda que ambos habemos morrer, parece que a súa morte será algo máis coidada que a miña, ou que a influencia sobre o resto da humanidade e o noso futuro conxunto será tamén ‘algo maior’. En ambos casos, debido ó poder dos cartos. Un poder que de por si non permite mentir (algo que ven dado pola natureza humana) pero facilita a difusión desas mentiras. E agora, despois de poñer a maquinaria de bulos e mentiras a disposición de Trump, como está demostrado, pona a disposición da ultradereita europea e mundial.

Non deixa de ser curioso que X, a antiga Twitter, vaia de capa caída dende que a comprou o multimilmillonario (por moito que lle sirva para ganar influencia) mentres redes comunitarias, distribuídas, e libres, como Mastodon, que potencian o poder de difusión da comunidade en conxunto, estean a medrar a unha taxa reducida. Non pensaches en abandonar X aínda? Quizais deberamos ir pensando en facer un mundo máis igualitario… e actuar en consecuencia. Ese sería un bo Nadal!

Exit mobile version